O BNG de Baleira reclama a rehabilitación do pavillón municipal para garantir unhas instalacións dignas ao alumnado do CEIP

Tino Díaz: “As nenas e nenos de Baleira teñen dereito a realizar as actividades deportivas nunhas instalacións seguras, dignas e ben mantidas.

O BNG de Baleira presentará no vindeiro pleno, a través do seu portavoz municipal, Tino Díaz,  a necesidade de acometer a rehabilitación e mellora do pavillón polideportivo, unha instalación que presenta importantes deficiencias de conservación e que é utilizada habitualmente polo alumnado do CEIP Plurilingüe Concepción López Rey para a realización de actividades deportivas.


O portavoz municipal advertiu de que “estamos falando dunha instalación pública que utilizan as nenas e nenos do noso colexio e, polo tanto, non podemos normalizar que presente goteiras, humidades ou uns vestiarios e baños que precisan unha mellora evidente”.


O BNG sinala como principal problema o deterioro da cuberta do pavillón, que provoca filtracións e numerosas goteiras e está a ocasionar humidades no teito interior. A estas deficiencias súmase o estado dos vestiarios e dos baños, que precisan unha renovación e un mantemento máis frecuente.


“Non podemos esperar a que o deterioro avance e a reparación sexa cada vez máis custosa. O Concello ten que actuar, comezando por coñecer con precisión o estado da instalación e as actuacións necesarias para recuperala”, explicou Tino Díaz.


Por este motivo, o BNG propón que o Concello encargue coa maior brevidade posible unha memoria ou informe técnico que avalíe de maneira integral o estado do pavillón, detalle todas as deficiencias existentes e estableza unha estimación económica das obras necesarias para a súa rehabilitación.


Un corredor cuberto para o alumnado


A iniciativa do BNG incorpora ademais unha proposta para mellorar as condicións do alumnado á saída das clases. O grupo municipal considera necesario que esa memoria técnica valore a viabilidade de construír un corredor cuberto anexo á fachada do centro educativo, de maneira que as nenas e nenos dispoñan dun espazo protexido da chuvia mentres agardan polo autobús escolar.


“En Baleira sabemos perfectamente cal é o noso clima. Non é razoábel que o alumnado teña que saír do centro e quedar exposto á chuvia mentres agarda polo autobús cando existe a posibilidade de estudar unha solución sinxela que mellore considerablemente o seu día a día”, sinalou Tino Díaz.


Desde o BNG consideran que esta actuación debe analizarse conxuntamente coa rehabilitación do pavillón, aproveitando a elaboración da memoria técnica para estudar a súa viabilidade e o seu custo.


A formación nacionalista propón tamén que, unha vez determinadas as actuacións necesarias, o Concello solicite a colaboración económica da Xunta de Galiza, da Deputación de Lugo e doutras administracións para acometer as obras.


“Estamos ante investimentos destinados directamente a mellorar os servizos públicos e as condicións nas que estudan e realizan deporte as crianzas de Baleira. O que pedimos é planificación, mantemento e vontade para que o alumnado conte cunhas instalacións dignas”, concluíu Tino Díaz.

Comparte éste artículo
No hay comentarios