A UDC, entre o 13% das universidades máis sustentables do mundo segundo o ranking internacional Greenmetric 

O GreenMetric World University Ranking confirma o compromiso pola sustentabilidade da UDC, que está situada na sexta posición das 32 universidades españolas avaliadas, e no posto 186 a nivel mundial

O prestixioso GreenMetric World University Ranking acaba de publicar a súa clasificación coas universidades máis sustentables do mundo, e a Universidade da Coruña aproba con boas notas nesta décimo quinta edición, acadando a sexta posición entre as 32 españolas analizadas e liderando o contexto galego. A UDC obtén o posto número 186 a nivel mundial.

A cifra de institucións académicas participantes incrementouse este ano a 1.477, dun total de 95 países, un número que continúa aumentando en cada edición, contribuíndo á consolidación deste ranking de sustentabilidade como o de maior alcance e recoñecemento a nivel internacional.

A UDC obtivo un total de 8.100 puntos, destacando na xestión de residuos e reciclaxe, onde se sitúa como primeira universidade do mundo, compartindo o posto con outras 41 universidades.

UI GreenMetric World University Ranking

O GreenMetric World University Ranking é unha iniciativa da Universidade de Indonesia que se realizou por primeira vez en 2010 e que valora as políticas de sustentabilidade ambiental en función de seis categorías: contorna e infraestruturas, enerxía e cambio climático, tratamento de residuos, uso da auga, sistemas de transporte e educación e investigación.

Actualmente avalíanse 1.477 institucións, 32 delas en España. O seu obxectivo é reflectir o desempeño en materia de sustentabilidade levado a cabo, promovendo a mellora continua e o compromiso destas para abarcar os desafíos do cambio climático.

A convocatoria de 2024 fíxose baixo o lema ‘Establecer clasificacións mundiais de universidades UI GreenMetric: o camiño a seguir’, que pretende continuar fomentando a participación das universidades de todo o mundo, e acadar o compromiso colectivo de construír campus sostibles para o futuro.

A clasificación 2024 está encabezada un ano máis pola universidade holandesa Wageningen University & Research. No caso de España, a Universidade Complutense de Madrid lidera a lista, atopándose no posto 36.

Comparte éste artículo
No hay comentarios