A mostra estará dispoñible no Vello Cárcere ata o 31 de xaneiro de 2025.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou hoxe no Vello Cárcere a
exposición ‘Arte e meditación’ da artista Blanca Cenalmor. Esta mostra ofrece unha experiencia visual e emocional única e estará aberta ao público ata o 31 de xaneiro do 2025 no espazo das Celas dos homes (planta baixa).
Ferreiro indicou que este traballo “é unha invitación a desconectar do ruído diario e mergullarse nunha experiencia sensorial que combina arte, natureza e reflexión”. Blanca Cenalmor, explica a concelleira,
consegue transmitir a través das súas creacións a importancia de vivir o momento presente e a beleza das cores que nos rodean.
A edil de Cultura tamén quixo destacar a “relevancia de contar con proxectos coma este no Vello Cárcere, que consolidan este espazo como un referente cultural para a cidade de Lugo e para o resto do territorio”.
A mostra está concibida como unha viaxe introspectiva onde os visitantes poden conectar cos seus sentidos e experimentar unha sensación de calma e alegría, “refrescándote coas cores que atopamos a diario na natureza e para que experimentes un baño de calma e alegría no teu paseo por este espazo”, indicou a propia artista.
Blanca Cenalmor
Licenciada en Dirección e Administración de Empresas, e tanto no colexio como na universidade, nas longas horas de clases teóricas para a súa mente creativa, adoraba sacar o meu caderno e poñerse a debuxar, pintar e crear. Ao principio vía a arte como unha compañeira fiel que amenizaba a viaxe, pero co tempo foi collendo peso e desenvolvéndose e fluíndo dunha forma marabillosa.
É testemuña de que a arte flúe e se desenvolve a través da súa. Nas súas obras sorpréndese a si mesma cando ao finalizalas descubre elementos, cores ou mesmo formas e siluetas que non planeara.
Practica moito a contemplación da natureza e o reino animal, mundos que admira e respecta profundamente. Neles atopa verdadeira inspiración para encher o seu traballo de sentido e transmitir por medio das obras calma, compañía, vida, frescura, relaxación e alegría.