Quizais só foi a novidade, ese efecto catalizador de ir a contracorrente, pero por unha vez algo tan pretendidamente solemne como as badaladas televisivas de aninovo foron moito máis que un vestido imposible ou señores de dereitas con capa decimonónica. Tamén unha figura que non viste unha talla trinta e seis nin repite frases de taza de almorzo con sorriso impostado. Non, este ano vestiron de irreverencia e diálogo en varias línguas, todas as que aglutina o Estado español e que tanto molestan a eses mesmos que hoxe denuncian estampiñas cunha vaca por sentirse tan feridos nas súas crenzas coma nunca estiveron polas crianzas violadas no seo desa Igrexa na que din acreditar. A esperanza é igualmente ver que ante eses disparates, a resposta pasa por non caer no medo nin o amedrentamento que procuran, por máis que saibamos que sempre haberá un xuíz amigo dando cabida a esas denuncias, como xa acontecera con Willy Toledo ou Dani Mateo. A España laica e aconfesional que promulga a Constitución si que é un bulo ou «fake» deses tan de moda agora.
No triunfo de TVE sobre o resto de canles no tocante ás audiencias, hai un cheiro a liberdade que case lembra a aquel outro da Transición, de cando Tierno Galván animaba desde o balcón a facerse roqueiro e colocarse, sabedor de que ir cos tempos era o xeito de sobrevivir. En pleno século XXI en cambio, escandalizan cousas que parecían superadas e esquecidas, pero o alcanfor está de volta para tentar que se estás gorda ou non repites o políticamente correcto, non aparezas onde poidas ser vista ou escoitado por milleiros de persoas. Ao «gulag» do ostracismo ata que sexan e se comporten como Dios manda. Ou iso quererían e así foi todos estes anos, no que o repique das badaladas de 2025 trouxo frescura, reivindicacións e a carraxe dos de sempre. Misión cumprida.