Partido Galeguista. Galicia e a Convención constitucional

por Redacción Galicia

Galicia é unha nación. Nó-no é porque o recoñeza o Estatuto ou a Constitución; en todo caso, o cometido destes, como instrumentos do sistema democrático, é recoñecer esa realidade.

A transición deixou sen rematar o artellamento territorial. Como di o Sr. Urkullu, as reclamacións de Galicia, Euskadi e Cataluña foron sometidas a un “café pra todos” que supuxo a aparición de 17 autonomías –que nalgún caso nunca tiveron concencia de necesitala– e unha igualación á baixa. Pero a realidade é que unha cousa era a descentralización do estado e outra recoñecer a realidade nacional destes tres países, que iso era o que se reclamaba. Unha cousa era a cesión de competencias  por parte do estado ás autonomías e outra o recoñecemento da soberanía que lle corresponde a toda nación con identidade propia, como a dos tres pobos sinalados. Así, non é o mesmo que nun grupo haxa ún que diga que os cartos son seus e os reparta aos demais, ca que cada ún teña os seus propios e ceda parte deles ao peto común. No primeiro caso falamos do modelo dun estado federal (o do estado das autonomías) e no outro dunha confederación.

Agora a conxuntura política permite volver retomar o diálogo construtivo proposto dende 1933 dende Galeusca pra axustar a realidade política á identitaria, como vén de lembrar o Lehendakari. O segundo modelo non debe supoñer necesariamente o desvencellamento, pero o vencellamento debe facerse dende o recoñecemento mutuo da identidade de cada pobo do estado. Ser unha nación, como Galicia, non é un privilexio: é unha sinxela realidade e unha responsabilidade. Non reclamamos un sistema confederal por razóns só económicas, senón sinxelamente pra asumir con naturalidade a nosa realidade política como pobo diferenciado (e, sen dúbida, ningún na Península tén máis rasgos diferenciados).

No Partido Galeguista levamos recoñecido dende sempre a identidade nacional galega e a necesidade da súa tradución política en termos de soberanía; iso mesmo recoñecemos no caso de Euskadi e Cataluña. Temos a mellor vontade de entendemento cos demais e por iso levamos posto enriba da mesa un modelo de confederación que resolva establemente o artellamento territorial na Península e que, en troques de separar, vencelle a tódolos países que nela habitan, dende o respeto democrático ás súas identidades nacionais, pola vía da confederación. Unha visión ambiciosa debería incruír neste debate –de xeito propositivo e libre– á nación portuguesa, que tantos sinais de identidade comparte connosco.

Pra o resto de comunidades, é axeitado o sistema de autonomías cunha descentralización realista i eficiente que evite duplicidades innecesarias.

En todo caso, o que a Constitución Española do 78 establece non é un dogma inamovible, senón un entorno con regras de diálogo político, i entre esas regras hai unha fundamental: O primeiro non é a Constitución, o primeiro é o consenso (a Constitución é a tradución política diste), i ese consenso non se pecha cun portazo de “Non é constitucional!”, senón ca apertura dun diálogo no que tódalas posicións e sensibilidades sexan escoitadas e a resolución final non sexa o froito dunha mera suma aritmética, senón da vontade de concertación e o respeto ás realidades nacionais presentes na Península.

É dende esta disposición que poñemos enriba da mesa a proposta dun modelo confederal pra tódalas nacións da Península Ibérica, e por esa razón apoiamos a intelixente e construtiva proposta do presidente do Goberno Vasco dunha convención constitucional na que, obviamente, Galicia debe facer a súa aportación específica

Executiva Nacional do PG

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario