No 75 aniversario do seu pasamento, a Fundación Castelao, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego organizan unha homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950) no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. A celebración contará coa participación dos máximos representantes da Xunta de Galicia, o Parlamento galego, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, entre outras institucións e entidades galegas, e será aberta á cidadanía. Santiago de Compostela, a 6 de xaneiro de 2025.-
Mañá, martes, 7 de xaneiro, cúmprense 75 anos do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en Bos Aires. Unha data que este ano contará cunha conmemoración especial conxunta, un acto cívico no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, organizado pola Fundación Castelao, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego. A homenaxe terá lugar a partir das 12 do mediodía. Arrincará cun acto musical, coa interpretación de varias pezas populares na voz da soprano Beatriz Riobó Agulla, Fernando Raña Barreiro á frauta e Alba Barreiro Mariño á arpa. A continuación, en representación das tres institucións organizadoras, dará a benvida á celebración o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, quen dará paso a diferentes intervencións institucionais. Seguidamente celebrarase unha ofrenda floral conxunta na que participarán representantes da Xunta de Galicia, que vén de declarar este 2025 como Ano Castelao; o Parlamento de Galicia, o Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e as tres entidades convocantes do acto, e que contará coa colaboración da Asociación do Traxe Galego.
Á celebración asistirán tamén outras moitas institucións e entidades galegas vinculadas á figura de Castelao. Ademais, será un acto aberto á cidadanía, para que toda persoa que o desexe poida participar na homenaxe a unha personalidade de tan alta transcendencia na historia contemporánea de Galicia e unha das figuras máis recoñecidas polo conxunto das galegas e galegos.