O PP de Lugo pedirá a unanimidade do pleno para que o Goberno do Estado cumpra a súa obriga de cofinanciar o 50% da Dependencia e salde a débeda de 2.500M€ con Galicia

Os deputados populares, acompañados pola presidenta provincial, Elena Candia, alcaldes e voceiros da provincia presentaron a iniciativa que defenderán no pleno de mañá.

Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no pleno de mañá unha iniciativa para reclamar ao Goberno do Estado para que cumpra súa obriga de cofinanciar o 50% da dependencia así como que salde a débeda de máis de 2.500M € acumulada con Galicia.

Os deputados populares, acompañados pola presidenta provincial, Elena Candia, así como alcaldes e voceiros na provincia presentaron esta iniciativa que mañá defenderán no pleno ordinario de febreiro.

Ademais, o Grupo Municipal Popular tamén defenderá a iniciativa no pleno do deste xoves no Concello de Lugo, e a este respecto a voceira do Grupo Municipal do PP lamentou que o goberno local no Concello de Lugo non identifique como prioritario o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), xa que destina a esta prestación os mesmos recursos que concellos de 15.000 habitantes, pese a que Lugo conta con 100.000 veciños.

Pola súa banda, o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explicou que segundo establece o artigo 9 da Lei de dependencia o Estado ten a obriga deachegar os importes mínimos por cada dependente atendido establecidos polo seu propio Real Decreto de reforma do sistema de dependencia que estableceu e que está obrigado a financiar, pero “pese a esta obriga legal non o están a facer e en lugar de aportar o 50% da dependencia, leva anos incumprindo a súa parte,acumulando xa unha débeda de 2.500M€ con Galicia”.

“Ata que o Goberno central non pague o que debe para a dependencia, a atención que se lle pode prestar aos dependentes non será o que por lei lles corresponde, a pesar de todos os esforzos que están a realizar a Xunta e as administracións locais”, explicou.

Ademais do nivel mínimo que se paga por cada persoa atendida mensualmente debe financialo a Administración Xeral do Estado. Dos 100 euros que debera achegar para o grao I, só aporta 76 euros; e tan só 130 euros para o grao II cando debera aportar 150 euros. Isto supón, que dende a entrada en vigor do Real Decreto a débeda con Galicia polo impago das contías mínimas ascenda a 12,3 millóns de euros adicionais.

E non é un importe fixo mensual, senón que se trata dunha débeda que crece mensualmente na medida en que Galicia, cumprindo coas súas obrigas, incrementa mensualmente o número de persoas atendidas.

Este novo decreto de dependencia do Goberno central obrigou a reformar a normativa autonómica e a buscar a financiación nun momento no que o exercicio económico galego xa estaba comprometido. Para a nosa Comunidade, a entrada en vigor deste Real Decreto supuxo un sobrecuste de 80M€ adicionais ao ano.

Esta norma tamén variou as intensidades do SAF entre un 85% para grao I e máis dun 34% para grao III, que lles afecta ás administracións locais. O Goberno central actuou sen consultar aos concellos se tiñan capacidade para ampliar as horas, se os contratos vixentes admitirían este incremento ou se había financiación e traballadores para levalo a cabo. Ante esta situación, a Xunta de Galicia tivo que incrementar os complementos autonómicos para que os galegos con dependencia non tiveran que pagar mais polos mesmos servizos.

Ademais, o Goberno Central tamén ten a obriga de financiar o nivel acordado tal e como establece o artigo 10 da Lei Dependencia. Debido á prorroga dos Orzamentos do ano 2023, a achega da Administración Xeral tamén se ve conxelada. Non se incrementa o importe do nivel acordado a pesares de que a Administración galega cumpre cos seus compromisos establecidos no convenio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios