Ameijide resalta que «esta política autoritaria case absolutista do presidente da Deputación coñécena ben os veciños de Becerreá e da comarca da Montaña, aos que José Tomé expulsa dos plenos provinciais porque non lle gusta escoitar as súas xustas reclamacións para que se poña en marcha esta residencia»
Os deputados do Grupo Provincial Popular “temen” que haxa danos e desperfectos no edificio da residencia de Becerreá, unha obra rematada hai máis de tres anos pero que PSOE e BNG á fronte do goberno provincial “negáronse a atender e poñer en marcha” o que provoca que o edificio leve pechado máis de 3 anos “sen poñerse en servizo”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que durante estes días todos os veciños de Becerreá puideron ver como “hai operarios realizando traballos no edificio do centro de atención a maiores” o que “seguramente sexa un indicativo de que haxa danos no inmoble por telo pechado durante tantos anos”.
Por este motivo, os deputados populares preguntarán polos traballos que se están a realizar no edificio e os motivos que ocasionaron os danos que se están a corrixir.
Antonio Ameijide sinala que ao comprobar que se están a realizar estes traballos de mantemento no centro de atención a maiores de Becerreá “agora entendemos por que PSOE e BNG se negaron a permitirnos o acceso ao edificio, xa que non querían que fixéramos públicas todas as deficiencias que apareceron no inmoble froito de telo pechado e sen poñelo a disposición dos maiores da comarca”.
O voceiro popular recorda que dende o Grupo Popular rexistrouse o pasado 19 de xullo un escrito ante a Deputación de Lugo solicitando data e hora para poder acceder ao interior do edificio. “Cunha simple ollada ao exterior do edificio xa se podía intuír que había desperfectos no edificio, pero que estean a realizar traballos de mantemento confirma as nosas sospeitas”, sinalou.
Os concelleiros do PP en Becerreá sinalan que: “A realidade deste centro de atención a maiores comarcal é que por mor das liortas entre socialistas non se abre o inmoble”, polo que non da servizo a 100 maiores da comarca en réxime de residencia, como tampouco se dá a outros 40 no centro de día. Do mesmo xeito, están a perderse uns cen postos de traballo, entre empregos directos e indirectos.
Antonio Ameijide critica “o ocultismo de Tomé, do PSOE e o BNG” ante a negativa constante a que os deputados populares poidan entrar nos edificios da Deputación, tal e como ocorreu tamén nas oficinas do Fogar de Santa María ou na nave de Begonte.
Ademais, dende o Grupo Provincial Popular sinalan que “seguiremos apoiando” á Plataforma Pro Residencia de Becerreá. “Como non pode ser doutra forma e como fixemos ata agora e seguiremos facendo, estamos ao carón dos veciños para prestar todo o noso apoio a súa xusta reclamación e non nos deteremos ata que esta residencia se abra e se poña en servizo”, recordan.