O Domingo das Mozas, unha das xornadas grandes do San Froilán, encheu este domingo Lugo de tradición e cultura galega cunha programación que reuniu a exaltación da indumentaria tradicional, a música popular e unha emotiva homenaxe a Rosalía de Castro.



A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, encabezou xunto con concelleiros da corporación municipal o tradicional desfile, no que participaron integrantes de varias asociacións culturais luindo prendas representativas de diferentes comarcas de Galicia. Candia destacou durante a xornada que «o noso patrimonio cultural ten unha enorme riqueza e forma parte da nosa identidade como galegos e galegas, e así llo debemos transmitir ás futuras xeracións», agradecéndolle ás entidades participantes que compartisen esa riqueza coa cidadanía.
pola súa banda, Teresa Astorgano, presidenta do Grupo Etnográfico Traxandaina, subliñou na exhibición de vestimenta que «o Camiño Primitivo e as demais rutas xacobeas tamén deixaron a súa pegada na vestimenta tradicional galega, xa que o paso dos peregrinos trouxo novas influencias, tecidos e bordados que enriqueceron os traxes, nun encontro entre historia, tradición e cultura».
No desfile participaron a Asociación do Camiño Primitivo de Baleira, a Asociación Cultural Peleriños de Sarria, Airiños de Orbazai, Amigos do Camiño e o propio Grupo Etnográfico Traxandaina. Tras unha exhibición de traxes na Praza Maior, a comitiva desprazouse ata o parque Rosalía de Castro, onde tivo lugar a tradicional ofrenda floral ante a estatua da escritora, a cargo de Sandra Piñeiro, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo.

Participación do PPdeG e posta en valor da cultura galega
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, tamén participou activamente nos actos como parte da corporación e do desfile. Prado puxo en valor o traxe tradicional e a lingua como «símbolos do noso rico patrimonio cultural», reivindicando as raíces de Galicia e lembrando o recente pacto social acadado esta mesma semana no Parlamento galego para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
A música tradicional toma as rúas e prazas
Paralelamente ao desfile, a XXVIII Mostra de Música Tradicional Galega —organizada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s— levou a música popular ao casco histórico durante toda a xornada. A cita reuniu máis dunha decena de formacións: Arume de Boiro, Axeigo, Lembranzas do Tambre, Lubicáns, Os Mersenarios, Os Mecos de O Grove, Pandereteiros de Cántigas e Frores, Turoqva, Xente Nova de Ferrol e os Zanfoneiros da Tradescola.
Os pasarrúas percorreron dende A Mosqueira diferentes emprazamentos do recinto amurallado ata a Praza Maior, dando paso pola tarde aos concertos na Praza de Santa María, que contaron coas actuacións de Bouba Pandeireteiras e Os Carunchos para pechar unha xornada festiva inesquecible.