A Feira Cíes Market rematou hoxe na Alameda de Vigo tras catro meses de ocupación intensiva que deixaron un impacto irreparable no xardín histórico e nas súas árbores centenarias. A Asociación Amigas das Árbores denuncia que este mercado é incompatible cos valores patrimoniais e naturais que fundamentaron a catalogación da Alameda como ben protexido e esixe que nunca máis se volva instalar neste espazo.
Un impacto incompatible coa preservación dun xardín histórico
Desde a súa montaxe a principios de outubro de 2024 ata o final da desmontaxe previsto para finais de xaneiro de 2025, o Cíes Market converteu a Alameda nun espazo irrecoñecible e sometido a unha presión ambiental extrema. A instalación masiva de casetas, estruturas de madeira, cableado no arborado, grandes iluminacións, o uso continuado de maquinaria e vehiculos pesados, o uso como aparcamento e zona de carga e descarga… xeraron un impacto incompatible coa preservación deste ben catalogado. As árbores centenarias e a biodiversidade única deste xardín sufriron danos visibles que poñen en risco a súa saúde e estabilidade.
«O xardín histórico da Alameda non é un lugar adecuado para este tipo de actividades comerciais masivas. Os catro meses de presión ambiental, compactación do solo e interferencias co arborado deixaron cicatrices que tardarán anos en rexenerarse, se é que se rexeneran.», declarou un portavoz de Amigas das Árbores.
Danos observados e documentados
Entre os efectos máis graves que a Asociación Amigas das Árbores documentou durante estes meses, destacan:
- Compactación severa do solo: o continuo paso de maquinaria pesada, camións e aglomeración de persoas compactou o solo, dificultando a absorción de auga e nutrientes polas raíces das árbores.
- Danos ás raíces e á estrutura das árbores centenarias: a colocación de casetas e estruturas de madeira en
áreas próximas ás raíces interferiu directamente co seu desenvolvemento. As vibracións producidas polo uso continuo de vehículos no interior do xardín supoñen tamén un debilitamento das raíces con consecuencias graves para a súa saúde e estabilidade.
- Alteracións na biodiversidade local: a intensa iluminación e o elevado ruído nocturno afectaron a fauna asociada ao xardín, como aves e insectos, que desempeñan un papel clave no ecosistema.
- Vertidos incontrolados de aceites, augas residuais e xabonosas sobre as zonas de paso que contaminan o
solo.
- Deterioro visual e ambiental do xardín: as intervencións afectaron non só a saúde das árbores, senón tamén o valor paisaxístico e cultural do espazo. As acumulacións de lixo estrados polo xardín e restos de comida foron unha constante nestes meses.
As imaxes que acompañan a esta nota de prensa evidencian a magnitude do impacto sufrido polo xardín histórico. Estas fotografías están dispoñibles para os medios de comunicación: Ligazón ás imaxes.














Unha chamada á responsabilidade institucional
Amigas das Árbores esixe que as administracións competentes, o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia, asuman a súa responsabilidade na protección do xardín histórico da Alameda:
- Que se investigue o impacto ambiental e patrimonial deste evento a través de informes técnicos
independentes e transparentes.
- Que se adopten medidas de recuperación inmediata: incluíndo a descompactación do solo, tratamentos fitosanitarios para as árbores afectadas e a restauración paisaxística.
- Que se garanta que a Alameda non volva ser utilizada para actividades incompatibles cos valores que fundamentaron a súa catalogación.
Desde a Asociación sinalan: «O xardín histórico da Alameda é un símbolo de Vigo, e a súa preservación debe ser prioritaria sobre calquera interese comercial. Esta feira de Nadal debe buscar outras localizacións máis axeitadas que non comprometan un espazo único como este.»
Alternativas para o futuro
Amigas das Árbores propón que eventos deste tipo se realicen en espazos máis adaptados para grandes concentracións, como prazas ou zonas urbanas de menor valor ambiental e patrimonial. «A Alameda non está preparada para resistir catro meses consecutivos de actividades intensivas. Vigo merece un Nadal sostible que respecte os seus espazos verdes e a súa historia.
Fotos. Rafael Ojea