‘O Último Baile’, de De Ninghures, estrearase o 17 de xaneiro

O terceiro avance do novo disco, a peza “máis escura e visceral” das creadas pola banda, poderase escoitar desde as 00.00 horas do venres 17 nas plataformas dixitais.

E, co terceiro adianto, chegou a escuridade. O venres 17 de xaneiro, ás 00.00 horas, publicarase ‘O Último Baile’, a creación coa sonoridade máis visceral e agresiva das tecidas até o de agora por De Ninghures. Trátase do terceiro sinxelo de avance do que será o novo álbum de estudio da formación, un traballo
producido por Juan de Dios Martín que verá a luz nas vindeiras semanas.

‘O Último Baile’ parte dunha copla recollida en 1979 en Arzúa por Dorothé Schubarth á informante Salomé e que se atopa no APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade). A partir desta lírica da tradición popular, e fiada polos propios versos e música de De Ninghures, nace un tema que fala do mal amor, “ese amores que se che meten na cabeza e que nos consumen”. Unha idea que se reforza a través dunha instrumentación escura e hipnótica e dunha sonoridade agresiva e visceral, que medra coma se tecese espirais, ata entrar en bucle, “como se fora unha obsesión que te encende e te destrúe a partes iguais”, apunta a banda.

Comparte éste artículo
No hay comentarios