Verdegaia ven de presentar a edición de 2025 da campaña ‘12 Meses, 12 Saberes’ que mediante a celebración dunha andaina cada mes dará a coñecer aspectos singulares do patrimonio natural e etnográfico galego.
Cada andaina terá unha temática diferente, como se observa no calendario adxunto, dende a observación de anfibios á identificación de especies invasoras pasando por unha andaina nocturna na que identificaremos aves nocturnas escoitando o seu canto.
Empezamos xa este sábado 18 de xaneiro cunha ruta ornitolóxica pola costa viguesa dende Cabo de mar ata a praia de Baluarte. Ao longo de cinco quilómetros, ademais de observar aves como o bilurico bailón (Actitis hypoleucos) ou o virapedras (Arenaria interpres), explicaremos como se realiza un censo de aves, a importancia que ten para coñecer a evolución dun espazo natural, e realizaremos unha simulación de modo que cada participante poida practicar realizando o seu propio censo.
Data: sábado 18 de xaneiro, de 09:30 a 12:30
Punto de saída: Paseo de Samil (Vigo) – 42°13’03.4″N 8°46’34.6″W
Dificuldade: Baixa – 5 quilómetros sen desnivel
Inscrición: gratuíta pero obrigatoria en info@verdegaia.org