Down Galicia invita á comunidade educativa ao primeiro encontro internacional do proxecto europeo ARISE

AFederación Down Galicia, en colaboración coa Fondazione per la Coesione Sociale (Italia), a Associação Grão Vasco (Portugal) e a consultora LimeUp (Italia), atópase inmersa nun proxecto Erasmus+ que ten por obxectivo a mellora das competencias dentro das comunidades educativas en Europa. Concretamente, a iniciativa ARISE – A moRe IncluSive Education, cofinanciada pola Comisión Europea, busca mellorar a inclusión do alumnado con necesidades educativas específicas (NEE), involucrando a toda a comunidade educativa nun gran esforzo colaborativo.

No marco deste proxecto, o vindeiro xoves 23 de xaneiro ás 18:30h terá lugar o primeiro encontro en liña internacional, no que profesorado, familias, alumnado e representantes institucionais reuniranse para tentar promover unha educación máis xusta e inclusiva para o alumnado europeo.

Este evento, aberto á participación de toda a comunidade educativa, representa unha oportunidade única para compartir mellores prácticas, discutir desafíos emerxentes e definir unha folla de ruta para o futuro da educación inclusiva.

Análise de necesidades: ideas clave como punto de partida

Tras realizar máis de 120 enquisas a profesorado, autoridades públicas e familias dos tres países participantes no proxecto, as entidades organizadoras completaron recentemente unha análise integral de necesidades, que detalla minuciosamente os desafíos críticos na educación inclusiva en toda Europa:

Por unha banda, as persoas enquisadas en Italiadestacan dous problemas fundamentais no sistema educativo do seu país: a falta de diálogo entre o profesorado xeral e o de apoio, o que frecuentemente obstaculiza a inclusión do alumnado con necesidades específicas, e a falta de itinerarios post-escolares para o alumnado con discapacidade, o que ten consecuencias negativas para a autonomía e a inclusión social.

Doutra banda, as enquisas realizadas en Portugal fan fincapé en que a pesar de que o país está avanzado en termos de lexislación, aínda persisten desafíos na implementación práctica de medidas personalizadas para o alumnado con dificultades cognitivas e sensoriais. Ademais, tamén inciden en que as aulas adoitan estar superpoboadas, con máis de catro estudantes con necesidades específicas de apoio educativo, o que dificulta a implantación desas estratexias a medida.

Por último, en España reflíctese claramente a diferenza na aposta das administracións pola inclusión educativa, xa que mentres que en Italia e Portugal os centros de educación especial (CEE) non teñen cabida, no noso país o sistema educativo mostra unha clara tendencia á segregación, con máis de 41.000 estudantes con discapacidade aínda matriculados en centros educativos específicos, a pesar do obxectivo lexislativo de lograr unha educación inclusiva para 2031. Ademais, as respostas das persoas participantes no estudo evidencian unha falta de conciencia entre o profesorado sobre o valor da diversidade, xa que moitos deles perciben a inclusión como un obstáculo para o rendemento da clase.

Estes achados subliñan a importancia da colaboración internacional para abordar estes problemas e promover un sistema educativo máis xusto.

“Este proxecto é unha oportunidade única para converter a educación inclusiva nunha realidade tanxible en Europa. Comprácenos dar a benvida a participantes de todo o continente para construír xuntos un diálogo construtivo e innovador”, di Delmiro Prieto González, presidente da Federación Down Galicia.

Aquelas persoas que queiran participar nesta iniciativa, deben cubrir este formulario de inscrición: https://forms.gle/vNwHAZvHKQFEvtB69

Para obter máis información, pódese consultar a páxina web e as redes sociais da Federación Down Galicia ou contactar coa propia entidade en downgalicia@downgalicia.org.

Comparte éste artículo
No hay comentarios