Os de Doc intentarán sumar unha vitoria como a acada en Lugo fronte a un rival directo.
Unha semana despois de volverse encontrar coa vitoria, derrotando ao Estudiantes Lugo no Pazo por 71-87, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos recibe no Carregal (futuro pavillón José María Valeiro Iglesias “Tocayo”) ao Solgaleo Bosco Ourense, un rival directo pola permanencia na Tercera FEB (antiga liga EBA). Malia atoparse 14o, a 4 postos dos betanceiros (10o na clasificación a día de hoxe) os de Carlos Osvaldo Gómez López atópanse cunha vitoria menos ca os de Antonio Díaz “Doc”. O equipo, inestable na súa plantilla, está liderado en anotación polo tinerfeño Daniel Rodríguez Ramos e o madrileño Alonso Reyes Abad e xunto a veteranos no conxunto coma o español de orixe romanesa Gabriel Preotu, del forman parte xogadores coma o alemán Jaden Sidney Malu e tres novos reforzos para esta segunda parte da liga como Ángel Vázquez Ureña (que sumou 22 puntos no seu debut), o portugués Raina Andre Henrique Ribeiro Formoso e o escolta Seikhou Konte, dado de alta en FEB esta mesma semana, un xogador que xa pasou por equipos coma o Corinto Gijón, o Caja Rural de Zamora ou o Huelva Comercio.
Esta inestabilidade no roster, polo demais cunha media de idade bastante baixa, é o que máis desconcerta ao adestrador betanceiro: “É un rival practicamente novo, con 3 fichaxes dende Nadal, así que vai ser un partido complicado de predicir. O seguro é o que está nas nosas mans: ser intensos, ordenados e cun alto ritmo coma en Lugo e dende aí intentar impoñer o noso estilo”.
A cita, o domingo 19 no horario habitual na casa dos betanceiros: 17h.
Partidos de todos os gustos para o resto dos sénior do club e a canteira
Polo demais, a xornada do 18-19 de xaneiro leva ao sénior feminino de Grelo a volver repetir rival da semana pasada en Arteixo, ao masculino de Segunda División a Santiago para medirse ao Fontiñas e a La Goleta, o equipo de Terceira, a xogar o seu primeiro partido do ano en casa: domingo 19h fronte ao CD Los Rosales, mesmo rival das júnior feminino de Infor-B na mañá do sábado. No que toca á canteira, ademais da concentración de partidos dos premini e mini no Vales Villamarín na xornada sabatina, destaca o partido dos infantís masculino do J. Caamaño Arquitecto en Vigo fronte ao Novobasket (domingo 17h), no que supón a arranque da segunda fase da 1a División da categoría, o enfrontamento dos júnior contra Maristas ou o partido que medirá ás cadetes do Decornaveira contra Basquet Coruña no Pavillón das Mariñas.