Os betanceiros rematan a primeira volta oitavos na clasificación.
Partido importante o que gañou o Ineltrón Santo Domingo Betanzos a tarde do domingo: 85-78 contra o Bosco Ourense, nun encontro no que a relaxación final fixo que os visitantes rebaixasen un +19 co que se iniciou o último cuarto. Fose como for, a vitoria quedou na casa e os de Doc, que agás o 2-3 inicial sempre foron por diante, concatenan dous resultados positivos contra rivais directos que os sitúan oitavos do grupo
AB da Terceira FEB.
Gran partido máis unha vez de Abelleira (21 puntos, 10 rebotes e 6 asistencias) e bos números de Dani Martín (14 puntos e 5 rebotes) e de Brezo (10 puntos e rebotes) nun partido en que todo o equipo sumou aínda que as porcentaxes de tiro exterior foron bastante mellorables: 5 de 24.
Así valoraba o encontro Antonio Díaz “Doc” ao remate do mesmo: “Xogamos un gran partido en liñas xerais. Se cadra no noso debe está esa relaxación final que nesta liga non podemos permitirnos. Aínda así, destacar a solidez xeral e a aportación en diferentes facetas de todo o equipo. Independentemente da anotación, todos estiveron moi sólidos no xogo”.
Con este partido remata a primeira a volta, na que os betanceiros sumaron 5 vitorias e 8 derrotas, e que ofrece unha clasificación ben apertada na que hai 5 equipos cun ratio 4-9 e unha diferenza de tres vitorias entre o sétimo clasificado, o Obradoiro Ames, e o pechacancelas, ese Solgaleo que en Betanzos intentou minorar o average para o partido de volta e que levou o último cuarto por 14/25.
Vindeira semana, derby: o Culleredo visita o Carregal no horario de costume (domingo 17h).
Importante vitoria dos infantís de Primeira División en Vigo
Polo que toca ao resto de equipos do club, os resultados do Santo nesta fin da semana foron especialmente positivos xa que gañaron todos os equipos do club, de sénior a premini, agás o equipo de Segunda Autonómica, que perdeu en Santiago por 68-41 contra Fontiñas e os infantís de Segunda contra Calasanz. Na parte das vitorias destaca a do J. Caamaño Arquitecto Santo Domingo Betanzos de Primeira División fronte ao Novobasket Vigo por 73-77, nun competido partido, celebrado na tarde de domingo na cidade olívica, con que o equipo de Toni Seijo e Alberto Caamaño inauguraron a segunda fase da liga dando boa conta dun dos favoritos ao título.