87-77: os últimos minutos condenan o Ineltrón Santo Domingo en Chantada

Un parcial de 17-4 nos últimos cinco minutos remata coas esperanzas de vitoria dos de Doc.

Ninguén dixo que o partido do sábado en Chantada fose doado, malia a baixa de Noguerol polos locais, e tampouco a de Canitrot, ao pouco de comezar o encontro, facilitou unha miga o camiño dun Santo que tiña de diante un conxunto máis ca desexoso de romper a racha negativa das últimas xornadas. As cousas foron segundo o previsto e a igualdade (+4 ao remate do 1Q, -5 no descanso) foi a nota predominante dun partido que volveu ter en Abelleira un dos máis destacados xogadores sobre a cancha (20 puntos) e a Rozas volvendo facer bos números (13 puntos, 3/5 en triplas).

A clave, con todo, estivo nos últimos 5-6 minutos. Logo de varios minutos de alternancias, unha tripla de Abelleira volve pór diante os betanceiros (70-73) e con varias opcións en contra ataque de levar a distancia a +5 ou +7 puntos. Con todo, as perdas e as precipitacións déronlle aire a un Chantada (verdadeiramente tocado nese momento) que, para satisfacción dos seus seareiros, logrou pór un 17-4 de parcial e acabou levando unha vitoria tan necesaria coma auga de maio para os betanceiros.

Así valoraba o partido Antonio Díaz “Doc”:”Tivemos varias fases do partido onde estivemos sólidos e con bo xogo, pero no segundo cuarto baixamos a intensidade atrás e caéronnos oito puntos case consecutivos a raíz diso. Na segunda metade estivemos moi ben no terceiro cuarto, pero despois… Permisividade defensiva con varios erros, mal criterio en ataque (en parte pola tensión no marcador e, ao final, eles estiveron mellores nos últimos minutos. Por iso gañaron. Temos que estar os 40 minutos tensos e centrados, sobre todo defensivamente. Velaquí o noso principal pecado durante a temporada”.

Así as cousas, o partido da vindeira xornada contra Calvo Basket Xiria, en Carballo, cobra unha importancia transcendental. Quen perda, ten xa un pé en Primeira Nacional, unha categoría que, con todo, se lle queda pequena a ambos os dous equipos.

A cita, o sábado ás 17h no Pavillón Vila de Noia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios