O Cabo Ortegal presenta en Fitur unha viaxe ao interior do xeoparque

Xosé Regueira participou no acto do referente xeolóxico mundial no stand de Xeoparques España que presentou o destino baixo o lema «Unha viaxe ao interior do Xeoparque Cabo Ortegal»

O Xeoparque Cabo Ortegal e a súa presentación no stand de Xeoparques España marcaron a actividade da Deputación da Coruña na segunda xornada de Fitur. O vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, destacou o traballo da entidade provincial na posta en valor deste destino. «No 2016 comezábamos unha viaxe ao interior da terra co inicio dos trámites para conseguir o certificado da UNESCO co que afortunadamente conta hoxe a comarca do Ortegal. Hoxe iniciamos unha viaxe ao interior do xeodestino, unha moi boa nova porque significa que os concellos están traballando conxuntamente no produto turístico».

Regueira salientou, neste sentido, o «esforzo» da Deputación que, «ademais do investimento económico, consistiu nun traballo de colaboración cos concellos para configurar entre todos un produto turístico de enorme calidade que, ademais de poñer en valor a paisaxe e os recursos naturais e gastronómicos, nos permite diverisificar turismo durante todo o ano».

O Xeoparque Cabo Ortegal foi nomeado no 2023 Xeoparque Mundial da UNESCO, despois dun longo traballo conxunto entre os concellos implicados (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño) e a Deputación. O Xeoparque supón novas oportunidades para desenvolver un turismo sustentable. Proba diso foi a concesión dun dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). Dous proxectos (a consecución do selo UNESCO e o PSTD) que contaron cun investimento por parte da Deputación que alcanzou os 2 millóns.

«Hoxe participamos como invitados nun acto que organiza a asociación de municipios do Cabo Ortegal, e esa é a gran noticia. Estase traballando en conxunto, con perspectiva local, e en colaboración coas administracións publicas, avanzando nun proxecto que ademais xera tantas oportunidades para a poboación residente», destacou Regueira.

A presentación da campaña «Sempre quereremos volver», da Mancomunidade de Municipios de Barbanza – Arousa,  foi outra das exposicións nas que Regueira recalcou «a diversidade e beleza desta provincia». Referiuse a Barbanza Arousa como «un destino intelixente, maduro dentro do escaparate turístico de Galicia, que sabe tratar moi ben á xente, que por suposto sempre quere volver». «Un territorio», engadiu, «que conta con produtos turísticos de primeiro nivel e con recursos difíciles de atopar noutras partes, e un destino enogastronómico de primeira que ademais conta cun proxecto Next Generation sobre a tradición conserveira», sinalou o vicepresidente, que rematou animando aos asistentes a que «vaian ao territorio, o coñezan e o desfruten».  

O vicepresidente tamén participou na presentación da iniciativa de promoción turística da CMAT «Costa da Morte, Naturalmente Salvaxe».Deste xeito, a segunda xornada de Fitur rematou para deixar paso mañá ao Camiño de Fisterra-Muxía, que terá o seu espazo de presentación en Turespaña, despois dunha primeira exposición hoxe no pavillón de Galicia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios