A Costa da Morte protagoniza a programación da Deputación nesta última xornada de Fitur. O vicepresidente, Xosé Regueira, asistiu onte ás presentacións da CMAT «Costa da Morte, Naturalmente Salvaxe» e a da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra – Muxía «Fisterra-Muxía, o camiño que remata no mar», e hoxe tamén a esta última que se promocionou no stand de Turespaña trala exposicion de onte no pavillón de Galicia.
A CMAT, asociación turística da Costa da Morte, falou da «natureza salvaxe» do territorio ante un público que non deixaba de sorprenderse coas imaxes do vídeo proxectado. «Dicía Manuel Rivas que a Costa da Morte é máis que un destino; é un parque temático», comezou Regueira, «e tiña razón. É máis que paisaxe, gastronomía, patrimonio, cultura… A Costa da Morte ten un encanto intanxible de primeiro nivel. Calquera se sentirá atraído non so polas súas incribles postas de sol ou as súas salvaxes e infinitas praias, senón tamén polos múltiples e únicos acontecementos que alberga e o que é capaz de transmitir a súa xente a través da tradición».
Regueira animaba, ademais, a visitar a Costa da Morte «en calquera estación, pero eu particularmente elixiría o outono» para descubrir este recuncho. «Din que alí remata o mundo, mais eu creu que é onde comeza todo».
Durante a presentación do camiño Fisterra – Muxía no pavillón de Galicia, o vicepresidente sinalaba a «singularidade» deste camiño, «que conta con dúas catedrais, a de Santiago e as pedras do santuario de Muxía, e por suposto o faro da fin do mundo, en Fisterra».
Esta presentación continuou hoxe, trasladándose ao espazo de Turespaña, onde o deputado Antonio Leira se referiu a este tramo como «único e maxestoso, polo que imos atopar nel, principalmente as súas xentes que vos farán sentir na casa». Leira tamén puxo en valor o compromiso de todos os alcaldes e alcaldesas dos concellos implicados, «hai un sentir que é o respeto, o coidado, o mimo e a divulgación da esencia do camiño, e aí temos o mellor legado». O deputado tamén falou do proxecto da Deputación, ‘Arte no Camiño’, que «nos permite recuperar espazos e historias que hai no Camiño».
Remata así unha nova edición de Fitur, unha feira «que serviu para lanzar a nosa campaña ‘A paisaxe que sabe’ coa que continuaremos promocionando a nosa gastronomía como principal destino turístico», sinalou Regueira. A próxima parada que fará Turismo da Deputación será Madrid Fusión, onde participará cun stand propio dende o 27 ata o 29 de xaneiro.