Olalla Rodil pide un apoio masivo para darlle voz ao interior do País” 

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu a todos os galegos e as galegas que levan Galiza na cabeza e no corazón a encher as urnas coa papeleta do BNG para acadar un “resultado histórico” e facerse valer en Madrid, para avanzar en dereitos e procurar solucións que melloren a vida da xente. “Votemos como galegos e galegas”, reclamou no mitin de peche de campaña en Santiago xunto os cabezas de cartel polo BNG nestas eleccións. 

“Concentremos o voto no BNG, votemos como galegos e galegas, con orgullo de País, para ter peso político no Estado e para mellorar a vida da xente. Porque  iso é o que nos xogamos, que Galiza conte para que aquí haxa máis oportunidades e un trato xusto para o noso País”, proclamou a portavoz nacional nunha chamada a acudir  masivamente aos colexios electorais coa papeleta que encabezan na Coruña Néstor Rego; Carmela da Silva en Pontevedra; Olalla Rodil en Lugo e Noa Presas en Ourense. 

Unha papeleta que vale, dixo, para esixir un trato xusto a Galiza e parar a discriminación na que o bipartidismo leva anos alternándose e para frear a dereita. “Cada escano máis ao BNG é un menos para a dereita, así de simple”, subliñou. 

Pontón animou a que ninguén quede na casa o domingo para protagonizar unha gran mobilización enchendo as urnas “con alegría e ilusión” da papeleta do BNG, que é, dixo, “a do amor a Galiza, da xente farta de ver como especulan coa vivenda, das que queren un rural vivo e defenden o mar, das horrorizadas polo xenocidio en Palestina, das que non queremos ni máis gasto militar nin OTAN e das que defendemos políticas valentes e transformadoras”.  “Unamos no BNG toda a dignidade, todo o inconformismo e toda a rebeldía deste País”, proclamou.

O 29-N é tempo, proseguiu, de “votar en grande e pensando en Galiza” , afondou a portavoz nacional, destacando que para iso é necesario “facerse valer agora”, cun resultado histórico que o “temos ao alcance da man” e que pode ser o que poña a Feijóo catro anos máis na oposición. 

Un Feijóo que, recordou, “en Galiza coñecemos ben” pola súa xestión e tamén polo seu “machismo”, que agora sorprende en Madrid. “Tivemos que aturarlle que me dixese: “la señora Pontón está moi necesitada”. Pero iso non foi o máis grave”, afirmou, aludindo á “involución machista” que supuxo o seu paso pola Xunta, onde cuestionou o dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo financiando con cartos públicos un chiringuito abortista, suprimiu servizos de información ás mulleres e recortoulles as axudas ás vítimas de violencia de xénero.  “As mulleres non imos permitir nin un paso atrás e imos defender os nosos dereitos coa papeleta do BNG”, agregou. 

Pontón tamén apelou á esperanza que representa a papeleta do BNG nun “momento tan convulso” marcado por unha escalada belicosa que promoven as grandes potencias, que sofren os pobos en guerra pero cuxos efectos chegan tamén aquí “con carburantes máis caros e inflación”. “Aféctanos de cheo a rapina dos ultraliberais que queren seguir acumulando cada vez máis riqueza, espremendo aínda máis os traballadores e espoliando a riqueza dos pobos e das nacións”, precisou. 

É por iso que chamou a usar o voto “da dignidade” que representa o BNG para cambiar un modelo no que a riqueza se concentra en mans duns poucos, creando unha maior desigualdade porque o que queren os poderosos é “espremer” a clase traballadora. “Aquí Rueda non quedou atrás tratando como vagos e maleantes aos traballadores que enferman e collen unha baixa laboral. É unha indecencia”, sostivo no mitin que se celebrou no Auditorio de Galiza. 

Pontón comprometeu o traballo do BNG en favor da clase traballadora e fronte a quen ataca os servizos públicos alegando que non hai cartos para sanidade, educación, atención á dependencia ou vivenda pero si para gasto militar. Criticou, neste punto, que o Goberno que se “autodenomina máis progresista” destinou 35.000 M€ en 2025 a gasto militar e que o PP “sube a aposta e quere sumar 50.000 M€ máis. “Quen queira frear este disparate, en Galiza só ten unha papeleta, a do BNG”, recalcou.

Galiza xógase moito na cita coas urnas do domingo tamén no que ten que ver co modelo centralista “que se está reforzando até estremos nunca antes vistos”, no que todas as nacións e territorios perderon nos últimos anos peso relativo na riqueza do Estado excepto Madrid e no que os grandes grupos económicos gañan cada vez máis. 

“Temos as eléctricas forrándose mentres miles de persoas pasan frío nunha Galiza rica en electricidade”, exemplificou para, máis unha vez, pedir os galegos e as galegas que dean máis forza o BNG para facerse valer en Madrid. “Porque neste Estado, ou te fas valer, ou o centralismo madrileño arrástranos”, advertiu. 

Todas razóns para que Galiza se una, da man do BNG, “para defender o seu” nunha cita coas urnas na que cada voto vai ser decisivo e na que “calquera mozo, co seu voto, ten o mesmo poder que o presidente de Iberdrola, ou unha caixeira do súper ten o mesmo poder que Ana Botín”. “Galiza pode cambiar o seu papel con confianza en si mesma e nas súas propias forzas. Se nos unimos para defender o noso”, recalcou.

“Este 29-N a papeleta do BNG vai cargada de amor a Galiza, de defensa da lingua, a vivenda pública, de vida digna, de feminismo e de futuro próspero para este País! Así ique este 29-N votemos con alegría e con ilusión para o día 30 ter motivos para sorrir”, concluíu. 

Na defensa dos dereitos das mulleres

A cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, pediulles o voto para o BNG a todas as persoas que aínda teñen incerteza na súa decisión. «O voto para o BNG na circunscrición electoral de Lugo vai ser a chave para ter a representatividade que a provincia precisa na voz do BNG», asegurou Olalla Rodil. «O voto ao BNG tamén servirá para impedir que a extrema dereita e a dereita extrema cheguen ao goberno do estado”, recalcou.

«Despois de campaña ilusionante onde percorremos todas as comarcas de Lugo, confirmamos que o interior galego ten que estar representando no Congreso polo BNG» dixo Rodil e engadiu «tanto Lugo como Ourense precisan unha voz forte en Madrid para defender todas aquelas cuestións que son vitais para os seus habitantes e que os representantes dos grandes partidos estatais non van nin a nomealas».

«As mulleres de Lugo teñen, sobre todo, no BNG a garantía de vivir unha vida digna e libre de violencias» por iso a candidata, Olalla Rodil, pediu tamén a todas as mulleres que concentren o voto no BNG «por que van a ser decisivas nesta convocatoria electoral e co voto ao BNG «o futuro estará na papeleta do BNG e así poderemos avanzar todas e todos nuns dereitos que perigan a partir deste domingo».

Comparte éste artículo
No hay comentarios