Despexando X. Por @DulceCorcu

Desde antes incluso da vitoria de Trump nas eleccións en Estados Unidos e o posterior brazo (simulando o saúdo nazi) en alto de Elon Musk na súa investidura, xa houbera desfile de usuarios da rede social X (antes Twitter) precipitando o seu adeus, descontentos co algoritmo e coa tendencia política dun Musk ao que a extrema dereita quédalle un pouco á esquerda. Tras o «show» da man de Donald Trump, non foron poucos os que anunciaron unha nova ofensiva de abandonos, para non verse involucrados con fascistas, racistas e innumerables contas que non se sabe ben que son, pero si de que lado están. 

Certo que o antigo Twitter dexenerou bastante, e sen saber como atópaste con chíos que nada teñen que ver contigo e que, en moitos casos, son todo o contrario ao que buscas alí, con disparatados bulos e proliferación de mensaxes de odio a quen ousa contrarrestar esa tendencia. Pero tampouco é algo que non pasara xa antes, co que non conviviramos e contra o que loitaramos. Que o seu dono sexa abertamente nazi non é prato de gusto e claro que non convida a quedar, pero tamén é certo que o antifascismo é combatente, non se agocha nas trincheiras nin dá as costas ao fascismo. Resistir é a prioridade, por iso sorprenden eses medios de comunicación que tamén se retiraron a augas máis calmas para informar, desgustados polas «fake news» que tanto proliferan e que camparán as súas anchas sen veracidade que os importune. Nadar contracorrente non é cómodo, pero aí temos aos salmóns, que o fan cada tempada para que a súa especie siga perpetuándose a base de sortear todos cantos atrancos aparecen no seu longo traxecto ao desove. Elon Musk seguirá facendo o que mellor conveña aos seus intereses, e nada preocupado seguramente polos que marchan, porque quizais o que realmente lle preocupe sexan os que quedamos para tentar, alomenos, despexar X. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios