O PPdeG reiterou hoxe o seu compromiso de seguir defendendo Galicia como «unha terra aberta a quen queira investir aquí e a quen nos queira visitar» en contraposición a unha esquerda á que acusa de pretender bloquear a prosperidade da nosa comunidade.
Fíxoo a través da súa secretaria xeral, Paula Prado, que compareceu ante os medios nunha rolda de prensa na que deixou claro que o que Galicia «non precisa de inimigos que a paralicen», senón gobernos que, como o que preside Alfonso Rueda, aposten por «unha Galicia innovadora, referente e que desenvolva todo o seu potencial como comunidade autónoma punteira na industria e na empresa».
A este respecto celebrou a aposta de Stellantis pola súa planta de Vigo a través da nova plataforma de coches eléctricos anunciada onte. Con decisións como esta, valorou, contribúese á consolidación de Galicia como «terra de oportunidades, emprego e riqueza».
«Aquí, sempre que se cumpra coa normativa, a industria atopará a estabilidade que necesita e o apoio das administracións», subliñou contrapoñendo a aposta polo futuro do seu partido fronte a un BNG que «abandeira o ‘non’ a todo» e fronte a un Goberno de Sánchez que «segue bloqueando a concesión de fondos europeos e sen tomar unha decisión respecto aos miles de millóns que seguen sen mobilizarse».
Reivindicou así eses fondos europeos que corresponden a Galicia e recordou que «o Goberno galego está cumprindo» e que, a data de 31 de decembro, os fondos europeos do Plan de Recuperación adxudicados ascendían a 1.223 millóns de euros, o que representa o 90% dos importes publicados.
Aproveitando a celebración de Fitur nestes días, tamén destacou a hospitalidade como «un dos principais valores dos galegos» e puxo en valor que «o turismo galego é un turismo sostible que ademais xera riqueza e emprego», argumentou sinalando que este sector representa o 13% do PIB e dá traballo a preto de 130.000 persoas.
De aí precisamente a importancia de que «Galicia siga sendo unha comunidade de portas abertas e na que todo o mundo é benvido». Nesta liña apuntou que «ao redor do 90% dos galegos valoran o turismo de forma positiva ou moi positiva» para, acto seguido, criticar a «esas pequenas minorías que queren impoñer a ideoloxía sobre as ideas e queren impoñer o ‘non’ aos turistas, ao Xacobeo, ao emprego e á riqueza».
ACTO DE VIVENDA NA CORUÑA
A secretaria xeral do PPdeG anunciou tamén que este próximo sábado o partido celebrará na cidade da Coruña un acto que, baixo o lema Vivenda, Mocidade, Galicia, abordará cuestións clave para o futuro da nosa comunidade.
O evento será clausurado polo presidente Alfonso Rueda e contará coa participación dos eurodeputados galegos Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, así como de representantes do partido que están traballando día a día nestas cuestións.
«Será unha oportunidade para debater e para escoitar todo o que está facendo Galicia tanto pola vivenda como pola nosa mocidade, con novas medidas e infraestruturas», concluíu Paula Prado.