A borrasca non puido coas ganas de baloncesto.
a FGB anunciaba a suspensión da xornada de baloncesto para o domingo 26, pola incidencia en Galicia da borrasca Herminia, a Federación española decidiu non facer o mesmo con respecto aos partidos das súas ligas a disputar no territorio.
Quedáballe a dúbida aos seareiros de se o partido desta tarde en Betanzos podería xogarse con normalidade e, quitando un par de paradas polo fallo dunhas fases da iluminación, por culpa do vento, os afortunados que decidiron achegarse ao Carregal para presenciar o derby por antonomasia da Tercera Feb (antiga liga EBA) puideron presenciar un partido de alta tensión con distintas fases no xogo.
Arrancou ben o Santo, poñéndose por riba dos 10 puntos cando soubo aproveitar a súa velocidade, e aínda que o 1Q rematou só 9 arriba (28-17), durante os seguintes minutos de encontro chegou a poñerse 13 arriba cunha canastra de Abelleira. O descanso puxo un 50-39 no marcador e, fiel ás súas eivas, o terceiro cuarto dos locais (sempre o terceiro cuarto!) volveu meter os visitantes no partido, con bos minutos do georgiano Bulashvilli (22 puntos ao remate do partido) e do ex-Santo Toni Seijo (13 puntos, 3/5 en triplas), que asumiu a responsabilidade dun Fernando Vidal que ben pronto marchou ao banco con 4 faltas: 9-20 e todo para decidir no 4Q cun 59-59.
As instrucións de Doc non foron en balde, e cun espectacular 15-0 en tres minutos, os betanceiros puxéronse cun 74-59 que parecía definitivo. Porén, os de Luís Folla non baixaron os brazos, e tras unha parada pola caída de parte das luces, que prexudicou a inercia do Santo e lle deu aire a un Culleredo máis lento e máis veterano, o marcador chegou a poñerse cun 79-76 cunha canastra de Toni Seijo e cun 79-78, tras perda dos betanceiros, con canastra de Bulashvilli.
Resarciuse Dani cunha tripla (82-78) a falta de 31 segundos, e cando todo parecía estar pechado apareceu Alberto Díaz, con 2 tiros libres anotados, e logo Corbacho (5/10 de triplas no partido), despois dunha lamentable perda no saque de fondo dos betanceiros, para poñer aos de Culleredo, por vez primeira no partido, por diante: 82-83 a falta de 24 segundos.
Foi enton cando Luis Portilla puxo a guinda dun partido descomunal (15 puntos e 13 rebotes, para un +28 de valoración) cunha canastra baixo o aro a falta de 13 segundos, á que os de Culleredo non puideron replicar. Delirio nas bancadas, 84-83 final, e un partido que volve reafirmar os de Doc como oitavos na clasificación.
Enorme partido de Luis, como se dixo, máis decisivo na categoría canto máis pasan os anos, que soubo suplir á perfección a falta de Rozas por indisposición, e grandes números de Dani Martín (24 puntos) e Pepe Moreno, cada vez máis importante na rotación (16 puntos). Así valoraba o encontro ao remate Antonio Díaz “Doc”: “Levamos o partido ao noso ritmo de xogo, pero non puidemos matar o encontro. Eles teñen moita calidade en ataque e conseguiron reengancharse ata dúas veces ao partido. Fose como for, un paso moi importante para o noso obxectivo”..