Javier Arias reúnese co novo presidente da Asociación Española Contra o Cancro de Lugo

Afirma que a Xunta e a AECC colaborarán un ano máis con motivo do Día Mundial contra o Cancro, o 4 de febreiro, iluminando de verde a Muralla xunto á porta de San Fernando e a sede da Delegación Territorial.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, reunise esta mañá co novo presidente da Asociación Española Contra o Cancro de Lugo (AECC), José Manuel Rozas, ao que lle transmitiu que o Goberno galego seguirá a colaborar estreitamente coa entidade nas accións de loita contra o cancro e apoio ás familias. A súa antecesora, Mari Luz Abella, tamén participou na xuntanza.

Arias puxo en valor o traballo realizado polo anterior Consello Provincial e felicitou ao novo equipo que marcará o rumbo da agrupación lucense a partir de agora.  “Dende o Goberno galego seguiremos brindándolles a nosa cooperación”, dixo, “ao tempo que continuamos dotando á sanidade pública das mellores ferramentas de prevención, diagnóstico e tratamento do cancro”.

Aproveitou para anunciar que a próxima semana a Xunta e a AECC colaborarán un ano máis con motivo do Día Mundial contra o Cancro, que se conmemora o 4 de febreiro, iluminando de verde o lenzo da Muralla xunto á porta de San Fernando e a sede da Delegación Territorial.

O acto de acendido está previsto para as 19,30 horas. A iniciativa “serve como recordatorio de que todos sumamos nesta loita” e “contribúe a sensibilizar sobre a enfermidade e a crear conciencia do importante que é a prevención”, dixo Arias.

Por último, engadiu que “a loita contra o cancro é unha causa común de toda a sociedade” e nese sentido, valorou iniciativas como a gala benéfica a favor da AECC organizada o martes polo Conservatorio Profesional de Danza no auditorio Fuxan os Ventos “con extraordinario éxito de público”. Actuou alumnado do Grao profesional de Danza xunto co Ensemble de clarinetes do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, ambos centros dependentes da Xunta.

Comparte éste artículo
No hay comentarios