O BNG de Lugo apoia as mobilizacións do sector do taxi ante a suba desproporcionada dos prezos dos seguros

Arroxo: “Nalgúns casos, as aseguradoras subiron ata 12 veces o prezo que estaban a pagar”.

O Portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polos edís do BNG Alexandre Penas e Cristina López, achegáronse esta mañá á praza Horta do Seminario onde o sector do taxi realizou unh parón debido á suba desproporcionada no prezo dos seguros á que se están vendo sometidos. «Estamos a ver como moitos
profesionais están a recibir subas de ata 12 veces o prezo anterior do seu seguro», explicou Rubén Arroxo, que engadiu «esta situación está poñendo en perigo a continuidade da actividade de moitas e moitos
profesionais, especialmente no caso das e dos autónomos»

Arroxo anunciou que o BNG presentou proposicións no Concello de Lugo e no Congreso en Madrid, a través do deputado Néstor Rego, reclamando que a Dirección Xeral de Seguros, dependente do Ministerio de Economía, supervise ás compañías aseguradoras, evitando prácticas abusivas como subas inxustificadas de prezos que non se axustan aos riscos, e a formular as medidas precisas para garantir que as aseguradoras non poidan acometer prácticas unilaterais e abusivas.

As aseguradoras xustifican os incrementos dos prezos na inflación, no aumento de custo dos sinistros, na suba dos baremos das indemnizacións e no aumento da sinistralidade, mais estes argumentos non se axustan á realidade: a inflación non pode xustificar unha suba maior ao IPC, e non é certo que exista un aumento da sinistralidade nin un maior número de partes ou incidentes a cubrir polas aseguradoras. Ademais, en moitos casos, os profesionais non só se atopan con cotas superiores, senon que as aseguradoras obrigan tamén a contratar tamén seguros de decesos, fogar ou vida, unha práctica comercial declarada abusiva pola Dirección Xeral de Seguros.

O taxi é un servizo público, especialmente no rural onde cumpre unha función esencial como transporte público ao non haber máis alternativas para a mobilidade das persoas. As administracións públicas teñen que garantir a prestación dun servizo de calidade para todas as persoas usuarias, non discriminatorio e con cobertura en todo o territorio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios