O Partido Galeguista convoca aos partidos políticos con representación parlamentaria para que aproben a súa proposta de recoñecemento de Castelao como primeiro presidente de Galicia

Dende o Partido Galeguista congratúlamonos de que o BNG se teña sumado a esta nosa iniciativa de recoñecemento de Castelao como o “Primeiro Presidente de Galicia”. Esta iniciativa do Partido Galeguista e das entidades da emigración de Alén Mar (Arxentina e Urugai), na que levamos traballando conxuntamente dende fai tres anos, é unha proposta presentada á Mesa do Parlamento no mes de novembro de 2022, e que se concretou na celebración do recoñecemento institucional de Castelao como o “Presidente do Consello de Galicia e Precursor do Noso Autogoberno” no Parlamento Galego o 15 de novembro pasado, como o comezo das actividades no 2025, declarado Ano de Castelao.

Por conseguinte, coa consecuencia que nos caracteriza aos galeguistas, apreciamos que o BNG traslade esta iniciativa outra vez ao Parlamento e agardamos que o apoio á mesma sexa unánime, do mesmo xeito que agardamos e desexamos que se integren na iniciativa as demais entidades, dende deputacións, concellos, universidades, organizacións sindicais, confederacións empresariais, colexios profesionais, en definitiva que se implique e participe desta iniciativa o conxunto da sociedade galega.

Castelao é de todas e todos!

Comparte éste artículo
No hay comentarios