Dende mediados do mes de decembro o Conservatorio Profesional de Música do Concello de Culleredo está sen calefacción. Sumada á falta de mantemento do centro dende fai anos, a situación tórnase moi difícil.
A ANPA O Burgo leva anos solicitando e reivindicando por diferentes medios ao Concello de Culleredo. que se realicen as actuacións precisas para o coidado e mellora das instalacións.
Porque as fugas de auga son constantes e non se poden paliar coa colocación estratéxica de cubos e cartóns polos corredores e nas aulas, o que implica un risco elevado de escorregamento e caídas ao mesmo nivel.
Porque o tellado acumula auga co perigo de desprendemento dos paneles superiores do teito, o que implica a posibilidade de que algún elemento caiga sobre algunha persoa.
Porque cada vez aparecen máis fendas nos teitos e paredes. Porque as fiestras filtran auga e hai que colocar cartóns para evitalo.
Porque os problemas de humidade son unha constante e leva ao apodrecemento e á aparición de mofo. Porque a humidade e filtracións de auga sumadas á falla de calefacción fan que o ambiente nas aulas e corredores sexa inseguro e insalubre para o alumnado e o profesorado, a maiores de poder conlevar dificultades de concentración e rendemento.
Primeiro: por unha cuestión de SEGURIDADE Segundo: por unha cuestión de SAÚDE Terceiro: por unha cuestión de DIGNIDADE
Por todo isto, RECLAMAMOS ao Concello de Culleredo,
Que se leven a cabo as actuacións precisas para solventar esta situación intolerable de forma inmediata, xa que os/as nosos/as fillos e fillas merecen ter unhas condicións dignas e saudables durante a realización dos seus estudos artísticos e musicais.
O Conservatorio Profesional de Música é un centro educativo oficial e de formación regulada, NON PODE SER TRATADO CON ESTE DESDÉN!!!
ENSINANZAS ARTÍSTICAS DE CALIDADE!!!
O ALUMNADO, O PROFESORADO E AS FAMILIAS MERÉCEN UN RESPECTO!!!!