A deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, acompañou no aeroporto de Santiago ao alumnado, que participará durante catro semanas nun programa de inmersión lingüística en Tipperary.
As 60 alumnas e alumnos beneficiarios das bolsas da Deputación da Coruña para aprender inglés en Irlanda partiron hoxe desde o aeroporto de Santiago de Compostela rumbo a Dublín, onde inician unha estadía de catro semanas para mellorar o seu nivel de inglés e vivir unha experiencia formativa e cultural no estranxeiro.
A deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, acompañou no aeroporto ao grupo antes da súa saída e destacou que o programa, que este ano convocou a Deputación por primeira vez, “abre unha oportunidade para que moitos mozos e mozas da provincia, especialmente dos concellos máis pequenos, gocen da oportunidadeestudar inglés no estranxeiro e vivir unha experiencia enriquecedora”
Neira subliñou que “aprender idiomas é hoxe fundamental para o futuro académico e profesional da xente nova” e lembrou que a Deputación financia o 100% dos custos da actividade, para que “a situación económica das familias non sexa unha barreira á hora de acceder a unha experiencia deste tipo”.
As bolsas están dirixidas a alumnado de primeiro de Bacharelato dos centros públicosprovincia e teñen unha dotación de 4.816,61 euros por beneficiario. O programa cobre integramente os voos de ida e volta entre Santiago e Dublín, os traslados internos en autobús, o aloxamento, a manutención, a docencia, o seguro de viaxe e a asistencia continuada de titores e monitores durante toda a estadía.
O alumnado permanecerá en Tipperary (Irlanda) ata o 29 de xullo, onde as rapazas e rapaces se aloxarán SEDA College, situado no campus de Rockwell College.
Durante a súa estancia recibirán 20 horas semanais de clases de inglés, organizadas en grupos reducidos tras unha proba de nivel previa e cunha metodoloxía práctica centrada na comunicación oral. A formación completarase cun programa de actividades culturais, deportivas e de lecer, así como con excursións para coñecer distintos enclaves de Irlanda, entre eles Cork, Kilkenny, Cashel Town ou Waterford.