Os datos indican que o aire da zona de Mehá está máis contaminado por este gas tóxico que o da cidade de Ferrol.
A planta de regasificación de Reganosa na ría de Ferrol é un importante foco de contaminación do aire, ademais de contribuír á crise climática ao actuar como vía de aprovisionamento de gas natural licuado, máis intensivo en carbono que o de gasoduto. O aire de Mugardos está contaminado por dióxido de nitróxeno (NO2) segundo os estándares da Organización Mundial da Saúde (OMS), máis estritos na defensa da saúde pública que os límites legais.
A estación de medición da calidade do aire de Penedo, situada en Mehá (Mugardos) (1), non entrou en funcionamento até 2023, nada menos que 15 anos despois de que comezase a operar a regasificadora. Nos dous últimos anos superáronse ou acadáronse nesta estación, cuxa finalidade é avaliar a incidencia na calidade do aire da actividade da planta de Reganosa, os valores anual e diario recomendados pola OMS para o NO2.
O valor medio anual da concentración de NO2 en Mugardos foi de 11 µg/m³ (microgramos por metro cúbico) en 2023 e de 10 µg/m³ en 2024 (2), superando ou igualando o recomendado pola OMS (10 µg/m³). Ademais, o valor diario foi amplamente excedido, o que indica a existencia de picos de contaminación importantes. Houbo 43 días en 2023 e 19 en 2024 nos que se superou o valor medio de 25 µg/m³, cando a OMS recomenda que iso non aconteza en máis de 3 días ao longo dun ano.
A contaminación por NO2 en Mugardos resulta certamente elevada para se tratar dunha zona suburbana, superando a da cidade de Ferrol e aproximándose á medida na área de influencia da maior infraestrutura enerxética fósil de Galicia, a refinaría de petróleo de Repsol na Coruña.

O NO2 é un dos principais contaminantes atmosféricos, sendo ademais precursor doutros contaminantes que se poden formar na atmosfera (ozono malo, partículas inferiores a 2,5 micras). É un gas amarelento tóxico que ao se inhalar afecta os tramos máis profundos dos pulmóns. A exposición crónica mesmo a baixas concentracións de NO2 tense asociado a un incremento de doenzas respiratorias.
A redución da importación e o consumo de gas natural licuado é necesaria tanto para recortar a pegada climática como para mellorar a calidade do aire. A plataforma Galiza sen gas defende o peche antes de 2030 da perigosa e contaminante regasificadora de Mugardos e máis das centrais eléctricas de gas fósil (ciclos combinados) de Sabón (Arteixo) e As Pontes, ás que abastece.