Evento solidario e gastronómico Diez Raziones en favor de Raiolas e Down Lugo

Diez Raziones, é un evento gastronómico e solidario que se celebrará o vindeiro 21 de febreiro no Círculo das Artes de Lugo co apoio da Deputación. A institución provincial aporta unha achega económica de 6.000€ para a organización da cita culinaria, que promoven varias empresas de restauración, ONGs, da comunicación, e de organización e xestión de eventos. O obxectivo da cita é recadar fondos para a Asociación Raiolas e Down Lugo, ao mesmo tempo que se potencia e dá visibilidade ao seu importante labor social e de integración.

Diez Raziones é un evento solidario que combinará gastronomía de alto nivel e actuacións no Salón Regio do Círculo das Artes de Lugo, e contará con 12 chefs de renome de prestixio locais, galegos e incluso de Madrid,que ofrecerán unha experiencia culinaria única. A velada contará cun menú de 10 pratos e 10 sorteos, cun prezo de entrada de 100 euros, cantidade que se destinará integramente ás asociacións lucenses Raiolas e Down Lugo. As entradas xa están dispoñibles nos restaurantes colaboradores da cidade e na páxina web diezraziones.com

12 chefs para unha velada única

O evento de Diez Raziones terá lugar o vindeiro 21 de febreiro e dará comezo ás 21:00 horas no Salón Regio do Círculo das Artes, coa degustación de pinchos para iniciar a experiencia culinaria. A partir das 22:00 horas, os stands dos chefs participantes ofrecerán as súas creacións gastronómicas, convertendo a noite nunha celebración de sabores únicos.

A velada incluirá ás 23:00 horas un sorteo e o Mago Rafa sorprenderá aos asistentes cun espectáculo de maxia. Ao remate da noite, ás 23:45 horas, a banda La Penúltima Sabinera ofrecerá unha actuación musical.

Entre os chefs que participarán no evento solidario Diez Raziones destaca Miguel F. Vidal, do Restaurante Morgana (Madrid); e os galegos que formarán parte deste equipo de elite son Pablo Vila, chef do grupo Oca Hotels (Santiago de Compostela), Xoán Crujeiras do restaurante Bido (A Coruña); Javier Rodríguez (Taky), responsable do Cátering Boketé (Cambre, A Coruña), e recoñecido Chef Executive do Restaurante Taberna del Alabardero; Gerson Iglesias, líder da cociña do Hotel Oca Vila de Allariz (Ourense),  e Chisco Jiménez do Culuca (A Coruña).

Así mesmo, os chefs lucenses anfitrións do evento que estarán presentes serán Noelia Canto, da Postrería de Noe; Álex Méndez de Os Cachivaches; Nardo Eiroa de Canedo Restaurante & Brasería; Héctor López, do Restaurante España; e Álvaro Villasante do Paprica.

Comparte éste artículo
No hay comentarios