A Tenencia de Alcaldía impulsa a renovación do servizo de comedores escolares cun investimento de máis dun millón de euros anuais

 O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, deu conta dos acordos aprobados hoxe na Xunta de Goberno Local, que activou tres procedementos da Tenencia de Alcaldía correspondentes ás concellerías de Educación, Cultura e Infraestruturas.

Arroxo anunciou a adxudicación do servizo de Comedores Escolares, cun orzamento de 1.067.146,08€ anuais nun contrato de 1 ano prorrogable anualmente ata un máximo de 5, que foi adxudicado á empresa Alimentación Saludable Gallega para prestar un servizo ata a 1.004 nenas e nenos cada día nos centros de ensino de Lugo. 

«Asumimos un investimento anual superior a un millón de euros no servizo de comedores escolares que é responsabilidade da Xunta de Galiza», explicou Arroxo, quen sinalou que o Concello continúa a garantir este recurso fundamental para moitas familias, a pesar de que debera ser o Goberno galego quen asumise a súa xestión e funcionamento.

O menú será o mesmo en todos os centros, seguindo cos criterios de alimentación saudable e equilibrada establecidos pola estratexia NAOS. A empresa facilitará menús alternativos, para atender a aqueles estudantes que, por problemas de saúde, intolerancia a algúns alimentos, crenzas relixiosas ou outras circunstancias debidamente xustificadas, requiran un menú especial. As familias coñecerán mensualmente os menús que se facilitarán en cada centro durante as distintas xornadas.

Cada menú constará dun primeiro e segundo prato, sobremesa e pan. A combinación de ambos pratos debe estar equilibrada para que non sexa nin insuficiente nin excesiva en enerxía.

En canto á calidade do produto, incluiranse produtos locais e de proximidade, pertencentes a calquera IXP de Galiza. Ademais, un dos criterios de valoración tidos en conta para a adxudiación foi a proximidade da cociña aos centros

Rubén Arroxo destacou que este contrato conta con mellores condicións de calidade alimentaria respecto ás marcadas polo goberno do estado. «No prego municipal non se permite o uso de aceite de Xirasol e limítase o uso de frituras en dúas ocasión ao mes», explicou Rubén Arroxo, que engadiu «menús dos comedores escolares teñen que ser deseñados por un graduado en nutrición e dietética, mentres que o estado non especifica ningunha titulación».

Arroxo anunciou tamén unha actuación que permitirá aumentar a seguridade viaria na rúa da Industria, no treito que comunica Benigno Rivera co Polígono das Gándaras. Os traballos a executar son similares aos realizados anteriormente nas Gándaras, reconfigurando a mediana da rúa para, segundo destacou Rubén Arroxo «mellorar a fluidez do tráfico e a maniobrabilidade dos vehículos industriais, o que en conxunto producirá un aumento da seguridade vial na contorna».

«Trátase dunha mellora importante para o polígono do Ceao,», afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «seguimos traballando na mellora das zonas industriais da cidade, cun especial esforzo na mellora da seguridade viaria». Hoxe aprobouse a apertura do procedemento de licitación desta actuación, cun orzamento máximo de 145.643,40€ e un prazo de execución de 5 anos.

Por último, Rubén Arroxo anunciou a apertura do procedemento de contratación para renovar o contrado do Vello Cárcere, que sairá cun prezo máximo de 560.541,18€ e unha duración de 1 ano cun máximo de 4 prórrogas. Arroxo afirmou que «o Vello Cárcere é unha das instalacións que máis visitantes reciben ao longo do ano, e co novo contrato continuaremos a garantir a boa atención ás e aos visitantes ademais de poder continuar a organizar o importante número de actividades que anualmente acolle esta instalación».

Comparte éste artículo
No hay comentarios