O BNG de Dodro recordou no pleno extraordinario do POS 2025 como se ten que volver a investir uns 125 mil euros na desmantelada Casa do Regadío pola dereita máis rancia de Dodro. Fora un local para Artes Escénicas inaugurado o 18 de marzo de 2011 polo goberno bipartito BNG -PSOE, cun cheo na presentación do libro de Manuel Lorenzo Baleirón Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga. Ese modesto auditorio municipal foille arrebatado ao concello cando volveu o PP ao goberno de Dodro.
A moción do BNG, aprobada en 2024, solicitaba inversión en locais municipais e comezará coa devolución á veciñanza do uso da Casa do Regadío, local municipal inutilizado no seu día por Valentín Alfonsín e Marisol Boga.
O asfaltado en quente para todas as aldeas e o compromiso do goberno -en minoría- do PSOE para arranxar un muro en perigo de derrube en Imo foron tamén esixencias do BNG para aprobar as obras con cargo á Deputación da Coruña que ascenden a 317.130,23 €
O portavoz nacionalista Xoán Bautista Mariño dixo que o BNG faría outras propostas en función das necesidades. Recordou que as aldeas de arriba se cadra son as máis esquecidas aínda que agora hai algunha partida destinada a elas así como o abandono de cruceiros, lavadoiros,… entre outros elementos patrimoniais que a xente reclama, non o BNG. Concluíu dicindo “quen nos dera que a Xunta investira dunha maneira así de democrática nos concellos!”
Momento da presentación do libro Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga Carlos Negro falando co autor -sentado- Manuel Lorenzo Baleirón 18/3/2011. Foto de Xoán Bautista Mariño