Constituída a Asociación Veciñal Pego-Sar

Un grupo promotor de corenta persoas constituiu a Asociación Veciñal Pego-Sar nunha asemblea realizada na Casa da Cultura de Brión, que exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial do 
concello de Brión, nomeadamente nos seguintes lugares da Parroquia dos Ánxeles: O Cabo, Cirro, Gándara, O Rial, Outeiro e Vilanova. Os seus estatutos, aprobados por unanimidade, a fin de garantir a súa independencia e a neutralidade política, recollen que «calquera persoa que ocupe un cargo na Xunta Directiva non poderá presentarse como candidata en ningún proceso electoral, a calquera nivel de representación política, durante o período no que exerza as súas funcións na directiva».

Fins da asociación

Os estatutos recollen como fins desta entidade:  representar e defender os intereses da veciñanza perante as administracións públicas e outras entidades, fomentar o desenvolvemento social, cultural e económico da 
comunidade veciñal, protexer e promover a conservación do medio natural e o patrimonio rural da zona e impulsar a convivencia, a colaboración e a participación activa da veciñanza na vida comunitaria.

Actividades

Con fin de cumprir coas finalidades da asociación, realizaranse actividades como a realización de reunións, charlas e encontros informativos sobre temas de interese comunitario, a organización de eventos culturais, deportivos e festivos para promover a integración veciñal, a xestión e a posta en marcha de proxectos ou iniciativas destinadas á mellora de infraestruturas e de servizos no ámbito rural, a realización de campañas de sensibilización e actividades formativas en materia de sustentabilidade, agricultura, patrimonio e conservación ambiental ou a organización de actividades educativas, culturais e recreativas destinadas ás crianzas, co obxectivo de fomentar o seu desenvolvemento integral, a convivencia e o apego á contorna 
comunitaria.

Xunta directiva

Foi igualmente aprobada por unanimidade unha xunta directiva composta por Iván Mosquera Cid (presidente), Marisa Vales Cerqueiro (vicepresidenta), Eliseu Mera Quintas (secretario), María del Busto Griñón (tesoureira) e Laura Pazos Pintor (vogal).

Primeiros pasos

Unha vez que se confirme a inscrición no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, realizarase unha asemblea que determine as liñas de actuación que serán trasladadas ao Concello de Brión así como a todos os grupos municipais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios