O PP de Monforte pedirá acceso a todos os expedientes de concesión de licenzas do que vai de 2025

Katy Varela explica que “queremos fiscalizar” a tramitación destes expedientes xa que tivemos coñecemento de varios solicitantes que “denuncian dilacións na tramitación que se prolongan no tempo moito máis dos tres meses marcados por lei”.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte pedirán acceso a todos os expedientes de concesión de licenzas do que vai de ano xa que “a través de varios afectados tivemos coñecemento de que a concesión se alonga máis aló dos tres meses marcados por lei, polo que a xente está molesta”.

A voceira popular, Katy Varela, explica que “estudaremos cada un dos expedientes para comprobar a tramitación e se cumpren os prazos ou non” e “agardamos que nos faciliten toda a documentación e non poñan trabas, xa que iso significaría que José Tomé non está a facer ben as cousas”.

Neste senso, a voceira popular recorda que a lei establece que a concesión dunha licenza de obra maior non debe exceder dos tres meses, “pero segundo as conversas que tivemos con varios afectados, o Concello de Monforte excede deste prazo, polo que queremos comprobar un a un cada expediente”.

Por outra banda, Katy Varela recorda que José Tomé aínda non puxo a disposición a documentación solicitada sobre a recadación por multas e impostos durante o 2024 no Concello de Monforte. “A falta de transparencia segue a ser un dos sinais de identidade do goberno local de Monforte, polo que seguiremos esixindo o acceso a todos os expedientes solicitados porque todo apunta a que Tomé quere ocultar información”, denunciou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios