O BNG de Monterroso presentará alegacións á Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola recollida, transporte, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos

Brais Vázquez  “pedimos que dende o Concello se teñan en conta unha serie de propostas á hora de cobrar esta taxa”.

O concelleiro do BNG de Monterroso, Brais Vázquez, presentara alegacións á Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola recollida, transporte, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos que foi publicada no BOP do 7 de febreiro de 2025 e que foi aprobada inicialmente polo Pleno deste Concello en sesión ordinaria realizada o pasado 30 de xaneiro de 2025. Esta ordenanza exponse ao público polo prazo de trinta días hábiles, dentro do cal os interesados poderán presentar as reclamacións e suxestións que estimen oportunas. “Utilizamos o prazo legal de alegacións para amosar as nosas propostas e os nosos cambios dunha ordenanza que foi aprobada no pleno sen contar con elas, cunha maioría simple” expón Brais Vázquez.

O Boletín oficial do Estado do 9 de abril de 2022, no que se publicou a Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados para unha economía circular (LRSCEC) recolle unha normativa de obrigada aplicación para as entidades locais. “Compre tamén ter en conta a toma de decisións por parte do Concello de Monterroso nos últimos anos, que indubidablemente ten repercusión directa, a día de hoxe, na xestión dos residuos no municipio” explica Vázquez. No 2019, o Concello de Monterroso adheriuse de forma voluntaria ó “Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía”, co obxectivo de mellorar a sostibilidade do municipio, asumindo o compromiso voluntario de reducir as emisións de CO2 nun 40% antes do 2030, para adaptarse ás consecuencias do cambio climático. “No informe de seguemento, recolle que Monterroso no período transcorrido dende o ano 2020 ao 2022, non realizou avances

En referencia ao  contrato vixente municipal do servizo público de recollida e transporte de residuos domésticos, queda de manifesto que o Concello xa debera ter tomado decisións previas para dar cumprimento ao recollido na normativa. Pero tamén é evidente que a obriga de recollida separada polo Concello non é suficiente para cumprir cos principios da lei, en tanto que o principal responsable de que dita recollida separada sexa unha realidade e teña éxito son as persoas que xeramos residuos, “por iso é polo que semella necesario e prioritario outras das obrigas municipais, que é a de elaborar campañas de concienciación na veciñanza” propón o concelleiro nacionalista

É evidente que optar por unha cota fixa pola mera prestación sen ningunha distinción entre contribuíntes excluíndo calquera aspecto variable, levaría a fixar unha taxa sen ter en conta a capacidade económica nin o bo ou mal uso efectuado do servizo de residuos ou a cantidade de residuos xerados” manifesta Brais.

De feito, dentro da parte variable, son moitos os concello de Galiza que as introduciron nas novas ordenanzas, xa que consideraron que a elección dun único destes criterios, xeraría desigualdades. Dentro destas variables, o BNG solicita ter en conta a diferenciación nas vivendas ou locais comerciais da cantidade de habitantes ou traballadores en cada caso, a localización dos contedores con respecto ás vivendas ou a periodicidade de recollida de residuos.

Nas alegacións, Brais Vázquez solicita tamén que se regule na ordenanza correspondente outro tipo de bonificacións, de carácter ambiental como por exemplo realizar prácticas de autocompostaxe ou de carácter social que valoren a capacidade económica dos máis desfavorables como as familias numerosas, as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% e as familias monoparentais con fillos a cargo.

Por todo isto, o BNG de Monterroso vai presentar alegacións á taxa “consideramos que é unha ordenanza moi mellorable e que ademais chega tarde, pois subiranse os prezos pero manterase o servizo tal e como está, cremos que outra forma de xestionar os residuos é posible” conclúe Brais Vázquez.

Comparte éste artículo
No hay comentarios