A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura inaugura hoxe a exposición de Pepe Carreiro ‘Humor para mudar o mundo. Que graza!’

Hoxe, venres 14, a Federación Galiza Cultura, dentro da programación de actividades que desenvolve este ano, inaugurará a exposición ‘Humor para mudar o mundo. Que graza!‘ de Pepe Carreiro.

Composta por 50 pezas de creación do autor, que participará da posta de longo da mostra, permanecerá aberta nos espazos que cede a A.C. Alexandre Bóveda, no primeiro andar do edificio do Circo de Artesáns na rúa Santo André, 36, até o xoves 6  de marzo.

‘Humor para mudar o mundo. Que graza!‘ non é un título casual pois recolle moi ben o que pretende, Pepe Carreiro, coa súa forza creativa nas súas dúas sentencias: unha primeira, frase en serio e pretensiosa (Humor para mudar o mundo), que logo, na segunda, cunha contestación burleira (Que graza!) rebaixa as ínfulas da primeira parte e lle dá un baño de realidade.

Pepe Carreiro é un dos debuxantes galegos máis relevantes dos últimos 40 anos. Colaborou en xornais como Faro de Vigo, Diario de Galicia, La Voz de Galicia, El Mundo (edición Galiza) e Xornal de Galicia, e en semanarios e revistas como A Nosa Terra, Can sen Dono e Xo! Considerado o mellor satírico da prensa, cunha gran forza ridiculizadora e destrutiva, que o acabou retirando dos xornais desde 2009, aínda que segue colaborando en revistas como Tempos Novos ou A Trabe de Ouro e no xornal Nós Diario. E un mestre da síntese expresiva, tanto desde o punto de vista do debuxo como do texto. Neste sentido, encádrase de cheo na tradición do humor gráfico galego inaugurada por Castelao. Foi un gran impulsor do humor gráfico en Galiza, coa fundación das propias revistas Can sen Dono e Xo!.

Esta actividade lévase a cabo grazas ao Programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2025 da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Comparte éste artículo
No hay comentarios