A UDC presenta a súa oferta de grao para o curso 25-26 nunha Xornada de Orientación para Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior

Participarán preto de 90 representantes dos departamentos de Orientación de colexios e institutos de toda Galicia.

No marco do “Programa de Difusión da Oferta Académica dos Graos que se imparten na Universidade da Coruña (UDC) #EFECTOUDC”, a Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da UDC acollerá o xoves, día 20 de febreiro, entre as 9:30 e as 14:00 horas, unha xornada dirixida ao persoal dos departamentos de Orientación de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior de toda Galicia.

O obxectivo do encontro é darlles a coñecer as titulacións de grao que se ofertarán o vindeiro curso 2025-2026, así como os centros e a vida universitariana UDC, e os novos modelos de exame da Proba de Acceso á Universidade. A xornada impartirase en formato híbrido, permitindo a participación da representación dos centros educativos en liña ou ben a súa asistencia presencial na ETS de Náutica e Máquinas.

No evento participarán a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía Cortiña; o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle López; o profesor Pedro Armas Diéguez; e a subdirectora Alsira Salgado Don e o director Manuel Romero Gómez, en representación do centro anfitrión do encontro, a ETS de Náutica e Máquinas.

A Xornada de Orientación está organizada pola vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade da UDC, a través do Servizo de Estudantes. 

Programa

O programa dará comezo ás 9:30 horas, coa recepción ás persoas orientadoras dos centros de Bacharelato e FP. Un total de 88 persoas confirmaron a súa participación, 33 delas asistirán presencialmente e os 55 restantes conectaranse por vía telemática.

A primeira en intervir no acto será a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía, encargada de dar a benvida aos asistentes á xornada ás 10:00 horas, e realizando unha breve introdución ás campañas de divulgación e á vida universitaria na UDC.

Quince minutos máis tarde dará comezo o programa divulgativo, que incluirá tres charlas impartidas polo persoal da Universidade da Coruña. 

Así, entre as 10:15 e as 10:45 horas, o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle, presentará a ampla e variada oferta académica de grao da UDC, con especial mención ás titulacións máis consolidadas e singulares.

Posteriormente, ás 10:45 horas será a quenda do profesor da UDC Pedro Armas Diéguez, quen informará sobre os novos modelos de exame da Proba de Acceso á Universidade (PAU). 

Finalmente, Alsira Salgado Don, Subdirectora da ETS de Náutica e Máquinas impartirá a charla de astronomía: “O Lucero da Alba e a Navegación”. 

Ao remate da xornada, aos participantes que asistan de xeito presencial ao encontro ofreceráselles unha visita guiada relacionada coas titulacións na ETS de Náutica e Máquinas: aos simuladores de navegación e sistemas de propulsión de buques, ao Dique de Abrigo e unha viaxe en veleiro polo porto interior da Coruña.

Comparte éste artículo
No hay comentarios