Javier Arias asegura que Paula Alvarellos falta á verdade para frear as iniciativas da Xunta en Lugo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asegura que as declaracións da alcaldesa de Lugo con respecto aos aparcamentos «son moi preocupantes nunha responsable pública, totalmente falsas e intencionadas co único propósito de frear as iniciativas da Xunta na cidade».

Arias lembra que o xoves 23 de xaneiro se recibiu na Delegación Territorial un correo electrónico do Concello de Lugo co borrador do convenio de colaboración entre as dúas Administracións, que é necesario para poder abrir ao público o aparcamento do IES Ollos Grandes fóra do horario lectivo. Despois de revisar o documento e incorporar algunhas modificacións, desde a Delegación remitiuse a resposta unha semana despois, o venres 31 de xaneiro, «polo mesma vía e ao mesmo destinatario» que enviara previamente o borrador. «Ou ben a alcaldesa mente deliberadamente ou estamos ante unha falta grave de coordinación entre departamentos municipais», asegurou.

En relación ao aparcamento disuasorio da avenida Breogán, o delegado territorial explica que o Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas remitiu ao Concello de Lugo o 15 de novembro de 2024 a solicitude de autorización para realizar as obras de drenaxe transversal requiridas para que o Concello recepcione o párking e que a Xunta decidiu asumir para axilizar a apertura. «Resulta paraxódico que onte, o mesmo día no que a alcaldesa aseguraba que non é necesario tal permiso, se faga chegar á AXI por correo electrónico un informe favorable por parte do Servizo de Enxeñería do Concello».

Arias lembra ademais que a propia rexedora pedía «o pasado 17 de outubro a través da prensa que debíamos solicitar esa autorización, ao afectar os traballos previstos a unha zona de dominio público municipal» e que na reunión que mantiveron o pasado 8 de xaneiro na Delegación Territorial se comprometeu a axilizar os trámites para concedela á maior brevidade posible. «Din unha cousa e a contraria en cuestión de semanas para boicotear á Xunta e os realmente prexudicados son os veciños e veciñas de Lugo».

Comparte éste artículo
No hay comentarios