Os populares reclaman ao rexedor que abandone a confrontación permanente e se centre en dar resposta ás cuestións que afectan aos veciños.
O Partido Popular de Pol lamenta que o alcalde, Lino Rodríguez, “dedique máis tempo a falar da oposición que a explicar aos veciños a súa propia xestión á fronte do Concello”, despois das últimas declaración realizadas polo rexedor nas que volve centrar as súas críticas nos grupos da oposición.
A voceiro do PP de Pol, Nicole Grueira, considera que esta actitude demostra que “o alcalde está instalado no mesmo discurso: culpar á Xunta, atacar á oposición e evitar falar dos problemas reais do Concello”.
“Se a oposición é unha das súas principais preocupacións, polo menos significa que estamos facendo o noso traballo: fiscalizar, preguntar e defender os intereses dos veciños de Pol”, sinala Grueira.
Desde o PP consideran especialmente preocupante as declaracións do alcalde relativas á posibilidade de deixar de asumir determinados gastos relacionados co colexio, como a limpeza ou a subministración eléctrica. “Son cuestións que afectan directamente ao funcionamento dos servizos públicos e que merecen unha explicación clara por parte do Goberno municipal”, apunta a voceira popular.
Grueira lembra que a “Xunta colabora con Pol, como fai con tantos outros concellos, pero quen goberna Pol é o alcalde e quen ten que explica a situación do Concello, as súas contas e as súas decisións é o Goberno municipal”.
Neste sentido, os populares reclaman ao rexedor que abandone a confrontación permanente e se centre en dar resposta ás cuestións que afectan aos veciños. “Non imos entrar nunha guerra de descalificacións nin imos seguir o xogo do alcalde. Nós imos continuar facendo o noso traballo, preguntando, fiscalizando e defendendo os intereses do veciños de Pol”, conclúe Nicole Grueira.
O PP de Pol considera que os veciños “merecen un Goberno que fale dos seus problemas, explique as súas decisións e dea conta da súa xestión”, en lugar dun alcalde “máis preocupado por atacar á oposición que por explicar o que está facendo desde o Concello”.