Arroxo propuxo a creación dun carril soterrado que una a rúa Dinán con Anxo López Pérez

«Deste xeito uniríase a Mosqueira, o centro da cidade, o Vello Cárcere e o Gran Parque Central cun espazo totalmente peonil», afirmou Rubén Arroxo.

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, ampliou a idea do Gran Parque Central de Lugo proposto polo BNG «recollendo o testemuño do consenso que sempre houbo entre a veciñanza para esta praza». Arroxo propuxo a creación «dun paso soterrado para vehículos» que una a rúa Dinán e a avenida Anxo López Pérez
«eliminando na práctica o tráfico rodado, e permitíndonos contar cun novo espazo peonil de máis de 27.000 metros cadrados, case 3 hectáreas en total nun gran espazo peoonil que comeza na propia Muralla»

Segundo Rubén Arroxo, «cidades como A Coruña teñen exemplos de como soterrar o tráfico permite que o espazo antes ocupados polos coches poida ser desfrutado pola veciñanza sen ter que reubicar o tráfico». O
portavoz do BNG afirmou que «esta solución debería poñerse enriba da mesa para este treito, o que permitiría tamén eliminar o tráfico que actualmente entra por Cidade de Vigo para entrar no aparcadoiro da praza da Constitución». Arroxo explicou que o paso soterrado se podería realizar «ao mesmo tempo que se realizan as excavacións do aparcadoiro deste parque».

A creación do Grande Parque Central no espazo de máis de 6.500 metros cadrados que agora ocupa a Estación de Atobuses creará en Lugo un gran nucleo verde a carón do centro da cidade, cunha extensión de máis de 27.000 metros cadrados contando con áreas de xogo infantil, un gran centro cultural como é o Vello Cárcere e lugares de convivencia.

O portavoz do BNG reclamou á Xunta de Galiza que elabore este proxecto «buscando consenso social e político», e afirmou que «coa renovación do espazo da actual Estación de Autobuses, a Xunta ten que aproveitar a oportunidade de demostrar que quere investir en Lugo e mellorar a cidade».

O BNG rexistou xa unha proposición para o vindeiro pleno onde insta á Xunta a estudar realizar un proxecto que convirta o espazo da Estación de Autobuses no gran parque central de Lugo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios