Celébrase este 21 de febreiro o Día da Língua Materna, nun contexto de país no que cada vez menos a galega é a que se fala nos fogares, no Ensino ou en calquera ámbito, desprestixiada gubernamentalmente e desprezada por moitos galegos e galegas que evitan fallarlla ás súas crianzas, temerosos de que sexan confundidos con cidadáns de segunda categoría, e tamén para abraio dos avós cando retornan as fins de semana á aldea ou a vila, e escoitan marabillados a eses netos que calquera diría que naceran no mesmo Móstoles. Que de tan ben educados, nin acento traen.
É a realidade de Galicia, dunha língua que esmorece aínda que na Xunta saquen peito porque o catalán tamén perde falantes, e iso por forza ten que ser un refrendo ao camiño emprendido de acabar con todo o que cheire a autoestima e reivindicación do idioma propio. Unha língua materna que cada vez se mama menos, descoñecida para moitos nativos e relegada a anécdota, a un titular no 17 de maio para xustificar a subvención e a unha actividade no cole para que a cativada saiba que iso de «riquiño» non é unha palabra rara nin inventada. Son os tempos escuros que vivimos, que levamos tanto vivindo. O outro día, a través dunha rede social, alguén me solicitaba títulos de libros en língua galega para que se iniciara o seu alumnado nun instituto catalán. Non imaxino tal cousa nun instituto galego, porque habería pais e nais alporizados de que os seus fillos e fillas tivesen sequera que pronunciar unha palabra nese idioma de separatistas e subversivos. Xa teñen abondo co galego «que total no sirve para nada». Língua proletaria do meu pobo…Ata cando a falaremos porque si e porque nos peta? Oxalá por mil primaveiras máis.