Maite Ferreiro mantivo unha xuntanza coa cantante Lucía Pérez

A edil de Cultura anunciou as primeiras actividades do ciclo de animación á lectura da Biblioteca Municipal

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantivo un encontro coa cantante Lucía Pérez. Ferreiro escoitou a proposta da cantante do Incio e afirmou que «estudaremos a súa proposta para contar con ela na programación cultural do 2025». 

Ferreiro anunciou que o MIHL acollerá 6 novas actividades de animación á lectura organizadas pola área de Cultura e dirixidas ás nenas e nenos de Lugo. «Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero», explicou Maite Ferreiro.

A área de Cultura utiliza o MIHL para estas actividades, «promocionando tamén esta instalación, as súas exposicións e a súa singularidade», explicou a edil de Cultura, que engadiu «estas actividades contan sempre cunha gran participación por parte do público, achegándose cada ano máis de 800 nenas e nenos nos distintos ciclos de programación».

As actividades de Animación á Lectura e Contacontos divídense en catro trimestres, realizándose unhas 20 actividades ao longo do ano. Cada unha delas, está adaptada para as distintas idades das nenas e nenos participantes, achegando actividades de lecer para nenos desde 1 ano ata os 12 de xeito totalmente gratuíto para as familias.

O novo ciclo terá lugar entre o 27 de febreiro e o 10 de abril. As entradas para os espectáculos poden retirarse de xeito gratuíto a través do portal entradaslugo.es. Cada espectáculo conta cunha cabida de 70 persoas, permitíndose o acompañamento dun adulto.

Xoves, 27 de febreiro ás 18:00 horas no MIHL

TARABELOS: «Amoriños contei»

Idades: a partir de 4 anos

Duración:55 minutos

Selección de contos nos que se agochan historias de amor. Amores esquecidos,

atopados, divertidos, mentireiros, voadores…amoriños contados!

Xoves, 6 de marzo ás 18:00 horas no MIHL

BEA CAMPOS: «Garavanciña»

Idades: de 1 a 3 anos

Duración: 40 minutos

Adaptación teatral do conto clásico na que se lle dá unha volta aos roles

tradicionais pero mantendo a fantasía desta fermosa historia con monicreques,

cancións e narración oral.

Xoves, 20 de marzo ás 18:00 horas no MIHL

TRÉMOLA TEATRO: «Anuncio por palabras»

Idades: a partir de 3 anos

Duración: 45 minutos

Irene atopa no aburrido xornal a sección de anuncios por palabras na que se ofrece

unha chea de traballos. Ela tiña moi claro o que quería ser de maior… ou non tanto!

Xoves, 27 de marzo ás 18:00 horas no MIHL

GALITOON: «O descontacontos»

Idades: a partir de 2 anos

Duración: 35 minutos

O avó Carmelo comeza a contar os contos polo final, esquécese do argumento e

argalla personaxes e cousas inverosímiles. Menos mal que Rús, o seu

inseparable canciño, conseguirá rematar o conto como é debido!

Xoves, 3 de abril ás 18:00 horas no MIHL

BANDULLO AZUL: «Historias dun mundo grande»

Idades: a partir de 5 anos

Duración: 50 minutos

A cadeliña Becki desde a súa biblioteca, onde pasa tanto tempo lendo e escribindo,

cóntanos historias que foi coñecendo nas súas viaxes polo mundo. Historias de

colaboración e solidariedade coas que cantaremos e bailaremos para celebrar o

respecto e a felicidade.

Xoves, 10 de abril ás 18:00 horas no MIHL

TEATRO CALAVERA: «Animaladas»

Idades: a partir de 3 anos

Duración: 80 minutos

A exploradora Jeanne Baret convida ao público a unha misión na selva de Pitiminí

que está chea de misterios e especies por descubrir. Para conseguilo terán que se

internar na natureza salvaxe onde coñecerán fascinantes historias.

Comparte éste artículo
No hay comentarios