A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou neste evento xunto co resto de concelleiros e concelleiras da Corporación municipal. No acto fíxose entrega do diploma acreditativo do nomeamento como fillo adoptivo que recolleu á súa viúva, Luisa Cabezas, e das placas conmemorativas aos seus fillos, Mariano, Luisa e Carmen Castiñeira Cabezas.
Durante a súa intervención, Elena Candia destacou a importancia de recoñecer as persoas que contribuíron ao desenvolvemento da cidade e que deixaron un legado para as seguintes xeracións. «Se hoxe Lugo é unha cidade cunha realidade deportiva tan destacada, cunha práctica moi estendida entre a cidadanía, é tamén grazas a persoas como Mariano Castiñeira, que axudaron, motivaron e apoiaron a moitos lucenses para iniciarse no deporte», sinalou.


A alcaldesa lembrou que Castiñeira foi un referente nun momento no que a práctica deportiva non estaba tan incorporada aos hábitos de vida como na actualidade, e puxo en valor o seu labor de apoio aos deportistas, tamén no acompañamento e coidado cando sufrían algunha lesión.
«Nas homenaxes, ademais de facer xustiza e manter o recordo, as administracións temos o firme propósito de identificar referentes, persoas que deixaron un legado», afirmou Candia, quen tamén destacou a súa contribución noutros ámbitos, como o da sanidade.
O acto contou coa intervención de Manuel Valledor, promotor da proposta de nomeamento, e de Lalo Castro-Gil, presidente do Club Atletismo Lucus Caixa Rural Galega, que trasladou o agradecemento en nome dos 200 atletas que forman a entidade. A viúva do homenaxeado, Luisa Cabezas, compartiu tamén unhas palabras en lembranza de Mariano Castiñeira.
O cuarteto de clarinetes Díese acompañou o desenvolvemento da cerimonia combinando música e textos literarios . O acto concluíu coa interpretación do Himno Galego.