Os socialistas reclaman apoio real á I+D galega tras a caída do investimento durante os gobernos do PP

Julio Abalde: “O sector necesita políticas constantes, unha aposta decidida e unha senda de financiamento clara”.

O deputado do PSdeG Julio Abalde reclamoulle hoxe á Xunta un impulso real e decidido ao sector galego da I+D, que “medra menos que no resto de España e, por tanto, afástase da converxencia”. O parlamentario socialista sinalou a caída do investimento durante os gobernos do PP entre o 2010 e o 2018 como causa dun problema que, en parte, comezou a se reverter coa chegada de Pedro Sánchez ao Goberno central, cun “salto” que tivo continuidade a través dos fondos europeos a partir do 2020.

Na súa réplica ao conselleiro no pleno da Cámara autonómica, afirmou que “a ciencia ten que estar no centro de todas as políticas”. Porén, censurou a falta de ambición da Xunta. “Os proxectos que trae hoxe aquí son só unha pequena evolución do que xa había”, reprochoulle a Rodríguez.

Abalde repasou a evolución do gasto per capita en ciencia desde que o Partido Popular goberna. A diferencia respecto da media estatal situábase en 2009, tras un importante impulso do Executivo de Touriño, en 99 euros. No 2023, tras 14 anos cos populares á fronte da Administración galega, era xa de 110 euros. A fenda, por tanto, aumenta.

O deputado socialista defendeu que Galicia xa dispón “dun bo ecositema de I+D”, pero “o sector necesita políticas constantes, unha aposta decidida e unha senda de financiamento clara”. Apuntou tamén que o mellor xeito de potenciar o talento galego “é axudar ás universidades e aos centros de investigación vinculados a elas”. “O único que teñen que facer é apoiar ao sistema”, insistiu, e avogou por unha lei de ciencia que “salvagarde os fondos dedicados a ciencia dos vaivéns económicos e políticos”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios