Tras o concerto de Boiro, o mércores, 26 de febreiro, enchía a Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela cunha actuación única que marcaba a antesala ao lanzamento do seu primeiro disco que xa se pode desfrutar en tódalas plataformas
O mércores, 26 de febreiro, a Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela converteuse no escenario dun espectáculo único. Eris MacKenzie, o artista coruñés que está a revolucionar a escena musical galega, ofreceu un concerto inesquecible dentro da súa xira Eudaimonia.
Unha data única, onde presentou en directo e de maneira oficial o seu novo disco, Meu Ceu. Trátase dunha obra composta por 14 sinxelos, onde se atopan as cancións do EP publicado en decembro xunto con outras míticas coma “Xa Sei” ou “Vivir Na Coruña”, entre outras.
Este disco é a culminación dun longo proceso e de moito traballo, o cal poderá desfrutarse a partir deste venres, 28 de febreiro, ás 00:00 horas. Meu Ceu estará dispoñible en plataformas dixitais e ademais, inclúe colaboracións con artistas de renome como De Ninghures, Sky J e Miguel Cosma, consolidando aínda máis a súa identidade artística e a súa proposta musical.
A xira Eudaimonia fai vibrar alto a Primavera Cultural da USC
O concerto en Santiago de Compostela foi un dos momentos máis especiais da xira, non só pola localización, senón tamén por coincidir co lanzamento oficial do seu primeiro álbum.
Eris MacKenzie levou ata Santiago unha proposta única, a cal fixo desfrutar a cada un dos asistentes que encheron a Igrexa da USC. Un concerto que forma parte da Primavera Cultural da USC, onde se puido ver unha performance única e unha acústica inigualable.
O público mergullouse na proposta a través da fusión de música electrónica, sons tradicionais e matices comerciais que caracterizan a proposta do cantante coruñés. Acompañado polos músicos e amigos como Serxio Castro, Paula Espada, David e Mare, Eris logrou transformar a emblemática igrexa nun espazo de introspección e emoción pura.
Tras o seu éxito, a xira Eudaimonia continuará con máis datas confirmadas en Galicia:
• 13/03/2025 – Lugo, na Casa do Saber do Campus de Lugo ás 20:15 horas. A entrada será gratuíta ata completar o aforo.
• 15/03/2025 – Mos (Pontevedra), na Sala Rebullón ás 21:30 horas. As entradas poderán mercarse a través de Wegow.
A súa música en:
• YouTube: Eris Mackenzie
• Spotify: Eris Mackenzie