Patricia Iglesias denuncia “a falta de claridade” de Rueda sobre a aceptación da quita da débeda e pide que non “tome por parvos aos galegos”

A portavoz de Economía e Facenda do Grupo Parlamentario Socialista, Patricia Iglesias, subliñou a importancia de destinar estes fondos a mellorar os servizos públicos: «Con esta condonación, poderiamos evitar recortes en educación, reducir as listas de espera na sanidade pública e axilizar as valoracións de dependencia para os nosos maiores.

A deputada do Grupo Parlamentario Socialista e portavoz de Economía e Facenda, Patricia Iglesias, lamentou hoxe a postura do Partido Popular en relación coa proposta do Goberno central de condonar 4.010 millóns de euros da débeda pública galega, subliñando que «esta medida permitiría reforzar os servizos públicos e mellorar a calidade de vida da cidadanía galega».

«É incomprensible que o presidente Rueda rexeite unha condonación de débeda que aliviaría significativamente as finanzas da nosa comunidade, permitindo investir máis en educación, sanidade e servizos sociais», declarou Iglesias. «A súa actitude obstinada está a privar a Galicia dunha oportunidade única para mellorar o benestar dos seus habitantes», subliñou.

Falta de claridade e posición ambigua da Xunta

Iglesias destacou que os intereses desta débeda constitúen unha das principais partidas de gasto nos orzamentos da Xunta e criticou a falta de claridade de Rueda sobre se aceptará ou non a condonación proposta. «O presidente da Xunta mantén unha posición ambigua, evitando comprometerse claramente coa aceptación dunha medida que beneficiaría a toda a cidadanía», afirmou.

A deputada tamén instou a Rueda a non subestimar a intelixencia dos galegos e galegas: «O señor Rueda parece que quere facernos parvos. Ninguén entende que se rexeite a condonación de 4.000 millóns de euros de débeda pública. Menos débeda significa máis benestar social para o noso país».

Iglesias subliñou a importancia de destinar estes fondos a mellorar os servizos públicos: «Con esta condonación, poderiamos evitar recortes en educación, reducir as listas de espera na sanidade pública e axilizar as valoracións de dependencia para os nosos maiores. Non nos engane, señor Rueda; os galegos e galegas sabemos que estes 4.000 millóns de euros son necesarios para fortalecer o noso estado de benestar».

Declaracións incoherentes do PP que “causan estupor”

Nos últimos días, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o responsable de Economía da Executiva Socialista, Abel Losada, expresaron o seu rexeitamento a postura do PP. Besteiro lamentou que «a Xunta diga NON a unha oportunidade histórica para aliviar a carga financeira de Galicia». 

Pola súa banda, Losada cualificou de «erro histórico» o abandono da reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira por parte do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e criticou a «irresponsabilidade» do Goberno galego ao opoñerse á condonación da débeda, unha medida que permitiría liberar recursos imprescindibles para fortalecer os servizos públicos de Galicia. Ambos coincidiron en que a actitude e as declaracións incoherentes do PP “causan estupor entre a cidadanía galega”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios