A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá de hoxe sábado a súa Asemblea Xeral de socios/as 

Acordouse que Xosé Manuel Beiras sexa o próximo “Escritor na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa trixésima primeira edición. Terá lugar no mes de xuño en Santiago de Compostela.

Acordouse tamén que a escritora palestina Shahd Wadi sexa a Escritora Galega Universal en 2025.

Aprobouse o programa de actividades para 2025, que xa comezaron co Día de Rosalía de Castro.

O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG; tamén a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos/as formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura de Tradición Oral coa celebración dunha nova Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración doutra polafía e, no outono, dunha nova edición, a número 18, da Xornada de Literatura de Tradición Oral. Tamén no outono terá lugar unha nova edición das Xornadas da Sección de Literatura Dramática.

Informouse, igualmente, da celebración neste 2025 do Encontro Galeusca.

Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e máis das páxinas individuais con que as/os socias/os contan no Centro de Documentación da web da AELG, tanto nos contidos como nas entrevistas audiovisuais, que permiten continuar reforzando este espazo como un dos principais referentes da visibilización e divulgación da literatura galega actual.

Por último, tamén se abordarán neste 2025 as diversas maneiras de tratar o impacto da Intelixencia Artificial na creación escrita.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios