A iniciativa, financiada pola FECYT, desenvolverá durante dous anos un laboratorio de arte, ciencia e participación cidadá en colaboración con cinco casas-museo de escritores galegos.
A Universidade da Coruña (UDC) iniciou oficialmente o proxecto TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade arredor do Patrimonio Literario Rural (https://terraverso.udc.es/), unha iniciativa financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) no marco da convocatoria 2025 de Cultura Científica, na modalidade ACTS (Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade).
Coordinado pola profesora María Andrade Suárez, do Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da UDC, o proxecto desenvolverase entre xullo de 2026 e xullo de 2028 co obxectivo de transformar as casas-museo e fundacións de escritores do medio rural galego en espazos de encontro entre patrimonio, creación artística, investigación e participación cidadá.
TERRAVERSO nace da colaboración entre a Universidade da Coruña e ACAMFE (Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores), e conta coa participación de cinco institucións de referencia do patrimonio literario galego: a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Eduardo Pondal, a Fundación Curros Enríquez, a Fundación Uxío Novoneyra e a Casa-Museo Otero Pedrayo.
Unha nova mirada ao patrimonio literario
O proxecto propón entender as casas-museo non só como espazos de conservación da memoria dos escritores e escritoras, senón tamén como lugares vivos capaces de xerar coñecemento, creatividade e implicación social.
Ao longo dos próximos dous anos desenvolveranse procesos de investigación participativa, obradoiros de cocreación artística, actividades de mediación cultural e ferramentas dixitais que permitirán explorar novas formas de relación entre literatura, territorio, paisaxe, memoria e cultura científica.
Entre as accións previstas figuran a realización de entrevistas e cuestionarios participativos, paseos sonoros, obradoiros con artistas e comunidades locais, a creación de rutas dixitais, podcasts, materiais audiovisuais e unha plataforma web aberta que recollerá os resultados do proxecto.
Participación cidadá desde o inicio
A primeira fase de TERRAVERSO estará dedicada ao diagnóstico participativo de cada un dos territorios implicados.
Con este obxectivo xa está dispoñible un cuestionario (https://emapic.es/custom/terraverso) dirixido a coñecer como percibe a cidadanía o patrimonio literario, o papel das casas-museo e a súa relación co territorio. A participación está aberta á veciñanza, visitantes, asociacións e a calquera persoa interesada no patrimonio cultural galego.
Unha rede de colaboración
Antes do inicio oficial do proxecto, representantes das cinco casas-museo participaron nun primeiro encontro de traballo celebrado na Fundación Eduardo Pondal, en Ponteceso, onde comezaron a definir conxuntamente as primeiras liñas de actuación e o calendario de actividades.
A filosofía de TERRAVERSO baséase precisamente na construción dunha rede colaborativa, na que cada entidade achega a súa experiencia, o seu coñecemento do territorio e a súa capacidade de conexión coa comunidade local.
Un equipo interdisciplinario
O proxecto está desenvolvido por un equipo da Universidade da Coruña integrado por especialistas en socioloxía, comunicación, turismo, arquitectura e enxeñaría, que traballarán conxuntamente con artistas, mediadores culturais e as comunidades locais dos territorios participantes.
O equipo da UDC está formado por María Andrade Suárez, Iria Caamaño, Estefanía López Salas, Elvira Santiago, Teresa Piñeiro, Maricarmen Tapia, Noel Castro, Manuel Docampo e Alberto Varela.
Segundo explica a investigadora principal do proxecto, María Andrade Suárez, “TERRAVERSO pretende demostrar que o patrimonio literario pode converterse nunha ferramenta de innovación social e cultural. Queremos que as casas-museo sexan espazos onde literatura, ciencia, arte e cidadanía dialoguen para xerar novas formas de coñecemento e de participación no medio rural”.