O GES de Muros denuncia incumprimentos por parte do Concello

Desde a sección sindical da CNT no Concello de Muros denúncianse os reiterados incumprimentos do equipo de goberno de Muros a respecto da normativa laboral, así como e diversas sentenzas xudiciais.

Segundo a central anarcosindicalista, o Concello non estaría a executar unha sentenza que declara o dereito do persoal do GES a pasar á segunda actividade por razón de idade ou das condicións psicofísicas. Esta sentenza do Tribunal Superior de Xustiza, que se basea na equivalencia de funcións entre o GES e un servizo de bombeiros, é firme desde o mes de setembro e con todo o equipo de goberno aínda non lle deu cumprimento, a pesar de ser unha medida importante tanto para a saúde dos traballadores como para a seguridade da veciñanza.

Do mesmo xeito, denuncian que o Concello non complementa as baixas do persoal até o 100%, aínda que conta con reiteradas sentenzas que o obrigan a facer, nin tampouco aboa os complementos de xefatura de quenda, cando tamén existen numerosas sentenzas que obrigan a facelo. Desde a sección sindical denunciase que se lles obriga a acudir permanentemente aos tribunais para que se lles aboen unhas cantidades por dereitos que xa teñen recoñecidos, o que incrementa o gasto xurídico por parte do Concello en cuestións xuridicamente incontrovertibles.

Tamén se denuncia o abandono do servizo en canto á prevención de riscos laborais, xa que aos traballadores do GES non se lles facilitou en ningún momento a avaliación de riscos nin os procedementos de traballo seguro nin se nomearon recursos preventivos, aínda que todo se solicitou en distintas ocasións, polo que desde o sindicato se argumenta que o equipo de goberno local está poñendo en perigo tanto a integridade física do persoal, obrigado a traballar en situacións precarias de seguridade, como da veciñanza, que no caso se sufrir algunha emerxencia pode verse afectada por intervencións realizadas sen as debidas medidas de seguridade.

Desde a sección sindical esíxense solucións a esta problemática, máis aínda cando desde a alcaldía non se acepta unha solución negociada, e incluso se propón como forma de solución a negociación entre o equipo de goberno e o sindicato dun convenio franxa que recolla as particulares do traballo do GES e permita que se desenvolvan con eficacia e seguridade as labores das emerxencias na comarca, garantindo que a veciñanza poida contar co servizo público e de cualidade ao que ten dereito.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios