O lanzamento acompáñase dunha peza audiovisual tan suxerente como inocente e divertida producida polo propio Mondra e o estudio elmembrillo
O artista, cantareiro e bailador Mondra vén de anunciar que publicará en maio o seu segundo traballo discográfico. Logo de gañar o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica polo seu disco debut, ARDĒN, Mondra anuncia a boa nova coa presentación de vale máis un canciño, o primeiro avance do que será o seu novo LP, e que xa está dispoñible desde este venres 28 nas plataformas dixitais.
vale máis un canciño introdúcenos no universo sonoro do novo álbum de Modra, un traballo conceptual e persoal que produce, integramente, o Hevi no Laboratorio Soyuz. O tema que se estrea no día de hoxe é unha peza breve e coral, un pícaro pasodobre no que colaboran múltiples instrumentistas, tanto nos ventos coma nas percusións, así como parte do alumnado infantil das asociacións pontevedresas AC Peis d’Hos (Cangas do Morrazo) e da ACF Tarambainas (Vigo).
Antía, Anxa, Ari, Candela, Carmen, Celia, Clara, Iago, Icía, Laia, Lucía, Mar, Marina, Naiara, Naima, Nara e Noa son as 17 nenas que conforman o coro de voces brancas desta canción e que, ademais, acompañan a Mondra na súa proposta visual (unha produción do propio artista e do estudio coruñés elmembrillo, e que o cantareiro codirixe con Adela Otero), tan suxerente como inocente e divertida. A peza xa se pode ver tamén na canle de VEVO do creador galego.