Arias destacou a traxectoria vital e artística de Manuel Gulín no concerto homenaxe que se celebrou na sede da Xunta en Lugo

O salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu onte un concerto de corais en homenaxe ao pintor Manuel Gulín. Actuaron o Orfeón Lucense e o Coro da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo, dúas formacións das que foi membro o homenaxeado.

O delegado territorial, Javier Arias, participou no evento, no que tamén estiveron os presidentes das dúas corais, Xulio Xiz e Ángel Trabada. Na súa intervención, Arias puxo en valor a traxectoria vital e artística de Manuel Gulín, “un home competente e polifacético que promoveu a súa obra en numerosas mostras de pintura, dentro e fóra de Galicia, que formou parte de máis dunha trintena de xurados de certames culturais como os da Biblioteca da Xunta en Lugo ou do Belén de Begonte, e que foi ademais responsable do servizo provincial de Patrimonio Cultural do Goberno galego”.

Lembrou tamén que Gulín ampliou a súa formación nas técnicas de pintura, debuxo e modelado na Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón de Lugo, “que é tamén unha institución para a Administración autonómica, da que nos sentimos ben orgullosos”.

Manuel Gulín foi un destacado membro da escena cultural da provincia. Natural de Ribadavia, desenvolveu gran parte da súa vida en Lugo, onde faleceu en setembro de 2023.

Comparte éste artículo
No hay comentarios